Ir o contido principal

Publícase por vez primeira en galego Astronomía a ollo ceibe de Ramón María Aller, un clásico de divulgación científica

Diante do Observatorio da USC, dende a esquerda, Valentín García, Juan L. Blanco, Xan Duro, Juan Viaño, Román Rodríguez, José Ángel Docobo e Rafael Cuíña (Foto: SERVIMAV-USC)
Diante do Observatorio da USC, dende a esquerda, Valentín García, Juan L. Blanco, Xan Duro, Juan Viaño, Román Rodríguez, José Ángel Docobo e Rafael Cuíña (Foto: SERVIMAV-USC)
A presentación do libro coincide con 50 aniversario do pasamento do seu autor

Coincidindo este luns 28 de marzo co 50 aniversario do pasamento do seu autor Ramón María Aller, a USC e a Secretaria Xeral de Política Lingüística co editan o libro Astronomía a ollo ceibe’, tradución ao galego da obra publicada en 1948 Astronomía a simple vista. O novo volume presentárono no Observatorio Astronómico da USC o reitor Juan Viaño e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.

No acto participaron tamén o alcalde do Concello de Lalín, Rafael Cuíña; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia do Concello de Santiago, Xan Duro; o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan L. Blanco.

Ramón María Aller, astrónomo e matemático, é o iniciador da investigación astronómica en Galicia dende o seu observatorio particular en Lalín e logo como profesor de Matemáticas na USC, onde fundou e dirixiu o Observatorio Astronómico universitario que leva o seu nome e no que en 1945 se creara a sección de ‘Astronomía Teórica e Matemática Durán Loriga’ que co tempo sería o xermolo da Sección de Matemáticas da Facultade de Ciencias, da que Ramón Aller foi o primeiro catedrático. “ O empeño do profesor Vidal Abascal, co firme apoio de Aller e Ferrín Moreiras, callou logo na creación da licenciatura en Matemáticas da universidade compostelá”, lembrou o reitor.

Autor de varios libros e dunha longa lista de publicacións científicas en revistas especializadas, introdutor en España do estudo das estrelas dobres e director de cinco teses de doutoramento, observou desde o seu Lalín natal e máis tarde dende Compostela os máis diferentes fenómenos astronómicos, moitos de cuxos rexistros permanecen inéditos en numerosos cadernos de cúpula.

Especialista en debuxo, reloxería, deseño de instrumentación científica, o padre Aller é lembrado non só polas súas múltiples achegas e facetas científicas, senón tamén pola súa humildade e entrañable personalidade.

Máis celebracións en Lalín
A partir das 20.00 horas, xa en Lalín, está prevista a celebración dunha ofrenda floral e a inauguración dunha exposición no Museo Provincial con fotos, traballos e instrumentos do científico dezano. Deseguido haberá dúas charlas de José Ángel Docobo e Cecilia Doporto; o primeiro explicará a produción científica de Ramón María Aller e a segunda fará énfase nas opinións de quen o coñeceron.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2016.