Ir o contido principal

A rede MetalBIO reivindica un incremento da inversión pública e privada en I+D+i

Integrantes da rede galega de investigación MetalBIO
Integrantes da rede galega de investigación MetalBIO
Os investigadores das universidades galegas que estudan os ións metálicos en medios biolóxicos promoven a convocatoria dun premio científico neste ámbito

A rede de investigación MetalBIO, que reúne grupos de investigación das universidades galegas que estudan o papel dos ións metálicos en medios biolóxicos, reivindica, a través dunha declaración institucional, a necesidade dunha aposta polo reforzo de I+d+i, que debería traducirse nun incremento da inversión pública e privada na investigación, no marco dun seminario celebrado en Cuntis e no marco do que os membros desta rede de investigación abordaron e analizaron as oportunidades de financiamento para investigación existentes na actualidade.

Na pretensión de afondar na concienciación social a prol da investigación, o desenvolvemento e a innovación, e logo de recoñecer os compromisos que tamén asume asume neste eido a rede, os membros de MetalBIO acordaron participar e desenvolver diferentes actividades nos próximos meses, un programa de accións entre as que cómpre salientar a convocatoria, co apoio dunha sociedade científica, dun premio de investigación e tamén o apoio ao curso de verán da USC ‘Retos e oportunidades da industria de procesos químicos’, un seminario estival aberto a estudantes, profesionais e investigadores que se desenvolverá do 20 ao 23 de xullo na Facultade de Ciencias do campus de Lugo. O seminario organizado pola rede galega de investigación MetalBIO e durante o que se analizaron polo miúdo as convocatorias de ofertas do programa europeo Horizon 2020, así como outros programas internacionais (accións COST, Ciência sem Fronteiras, PEIN, etc.), estivo dividido en varias sesións de traballo e debate, dirixidas todas por técnicos de xestión das universidades galegas. Anxo Moreira, da Oficina de Proxectos Internacionais da UVIGO, que na actualidade constitúe o Punto Nacional de Contacto para aspectos legais e financeiros de proxectos europeos, foi o responsable de abrir este encontro de análise e debate cunha presentación dos diferentes programas do Horizon 2020. Octavio Pernas, da Unidade Apoio Europa-OTRI da UdC, que fora anteriormente Punto Nacional de Contacto no Reino Unido para proxectos europeos do ámbito da saúde, dirixiu durante a xornada do sábado un seminario práctico de estratexias de integración en programas europeos e de elaboración de propostas. Asemade, no marco deste seminario, Gustavo González, técnico superior de xestión da USC parte da USC, coordinou unha sesión de aproximación a outros programas internacionais.

Logo desta quenda de intervencións, a reunión de coordinación da rede MetalBIO celebrada do domingo serviu, entre outros temas, para preparar o encontro que vai impulsar no mes de xuño en Cádiz, co gallo da celebración da IX Reunión Científica de Bioinorgánica, BioCádiz 2015. Este encontro pretende impulsar a creación dunha rede nacional de Bioinorgánica e para cuxa integración nela xa se ten contactado con grupos de investigación de quince universidades españolas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.05.2015.