Ir o contido principal

Como reducir o falseamento nun proceso de selección de persoal

A tese examinou se as medidas de elección forzasa quasi-ipsativas podían predicir o rendemento nos estudos universitarios. FOTO: Santi Alvite
A tese examinou se as medidas de elección forzasa quasi-ipsativas podían predicir o rendemento nos estudos universitarios. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Unha investigación da USC constata que os cuestionarios de elección forzosa reducen as posibilidades de que as persoas avaliadas respondan elixindo a opción máis favorable aos seus intereses
Santiago de Compostela

Un dos principais problemas da avaliación da personalidade en contextos de selección de persoal, así como nos procesos de admisión de alumnado nas universidades, é o falseamento ou distorsión motivacional. A tendencia das persoas avaliadas a modificar voluntariamente as súas respostas, tamén denominada faking, é o punto de partida da investigación desenvolvida na USC por Alexandra Martínez Gómez, quen acaba de constatar que os cuestionarios de elección forzosa reducen as posibilidades de responder elixindo a opción máis favorable aos intereses propios.

"As persoas modifican voluntariamente as súas respostas nos tests de personalidade, o que podería afectar a todo o proceso: os candidatos con puntuacións infladas poderían estar de forma inmerecida en postos máis altos da clasificación que os que non falsearon as súas respostas", explica Martínez Gómez. "Isto podería levar a que os avaliadores cometan erros na toma de decisións", continúa.

A tese de doutoramento Avaliación empírica dun modelo teórico dos efectos do faking sobre as medidas de personalidade ocupacional, aborda como os cuestionarios de elección forzosa son un método de avaliación da personalidade que podería reducir os efectos do falseamento. Este tipo de cuestionarios caracterízanse por obrigar ás persoas a realizar unha elección entre cuestións de similar grao de desexabilidade social, reducindo, deste xeito, as posibilidades de responder escollendo a opción máis favorable para os intereses de quen contesta.

Metodoloxía

Alexandra Martínez Gómez desenvolveu tres estudos empíricos. O primeiro deles presentou unha meta-análise que examinou os efectos do faking sobre as medidas de personalidade de elección forzosa. Os resultados obtidos indicaron que este tipo de cuestionarios presentan máis resistencia ao falseamento que as medidas de personalidade tradicionais, particularmente no factor conciencia, o máis relevante desde o punto de vista preditivo do desempeño ocupacional e académico.

O segundo estudo tivo como obxectivo examinar se o faking afecta á estrutura interna dos cuestionarios de elección forzasa quasi-ipsativos. "Para estudar esta cuestión, leváronse a cabo tres tipos de análises da estrutura latente, tratándose do estudo máis exhaustivo realizado ata o momento", explica a investigadora. "Os resultados mostraron que a estrutura de cinco compoñentes dos cuestionarios de elección forzosa quasi-ipsativos é robusta para os efectos do faking", afirma.

Por último, o terceiro estudo examinou se as medidas de elección forzasa quasi- ipsativas podían predicir o rendemento nos estudos universitarios. Os resultados permitiron concluír que a personalidade avaliada con este tipo de cuestionarios predí o desempeño académico mesmo en condicións de faking. En virtude dos estudos desenvolvidos, a tese conclúe que este tipo de cuestionarios "son una ferramenta útil e válida para avaliar a personalidade demostrando ser unha alternativa ás medidas de personalidade tradicionais", explica a investigadora.

Tribunal de tese e cualificación

A tese de doutoramento, a cal recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude, foi dirixida por Jesús F. Salgado Velo e Silvia Moscoso Ruibal na Facultade de Relacións Laborais da USC. No tribunal da tese tomaron parte o catedrático da USC Jorge Sobral Fernández; o profesor da Universidade de Zaragoza, Alfredo Bergés Saldaña; e a catedrática da Universidade de Sevilla, Lourdes Munduate Jaca.

 

Alexandra Martínez Gómez no acto de defensa da súa tese de doutoramento
Alexandra Martínez Gómez no acto de defensa da súa tese de doutoramento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2020.