Ir o contido principal

O reitor Juan Casares entrega este venres as insignias a alumnos do máster DAEN na Facultade de Formación do Profesorado

Alumnos do máster DAEN nunha das súas visitas á reserva da biosfera Terras do Miño
Alumnos do máster DAEN nunha das súas visitas á reserva da biosfera Terras do Miño
O acto de clausura da segunda promoción deste máster oficial da Universidade de Santiago comezará ás 18.30 horas no salón de actos do centro universitario lugués

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, presidirá este venres, a partir das 18.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, o acto de entrega de insignias e diplomas aos 28 alumnos da segunda promoción do Máster en Dirección de Actividades Educativas da Natureza, un posgrao oficial da USC coordinado polo catedrático Uxío Otero Urtaza.

O decano da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Francisco Rodríguez Lestegás, o deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, e a deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, tamén participarán neste acto institucional de entrega de insignias e diplomas aos alumnos da segunda promoción deste máster da USC, que é pioneiro e exclusivo na oferta universitaria española e que completou todas as prazas ofertadas por segundo ano consecutivo. O Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, un programa de posgrao que comezou a súa andaina no curso 2011-12, abrangue as liñas de investigación referentes á educación ambiental, educación ao aire libre, así como outras máis vangardistas referidas á arte, natureza e educación, que aínda están moi pouco desenvolvidas en España, segundo subliña Otero Urtaza. O coordinador do máster DAEN, cuxos promotores manteñen un convenio coa Deputación Provincial en virtude do que os alumnos poden desenvolver distintas actividades nas reservas da biosfera da provincia de Lugo, salienta asemade que a natureza no só é un espazo de lecer e educación, senón que tamén constitúe un importante xacemento para novos empregos, como se está a comprobar noutros países europeos. As distintas actuacións desenvolvidas ata o momento polos alumnos e polo propio profesorado que participa neste máster oficial da USC permitiron elaborar unha base de datos sobre os itinerarios da reserva da biosfera Terras do Miño, así como un modelo para a súa representación. O profesor Otero Urtaza lembra asemade que na segunda edición do máster DAEN, que contou como relatores con recoñecidos especialistas, tales como Heike Freire, de raíces luguesas, ou Eduardo Martínez de Pisón, os/as alumnos/as recibiron unha formación multidisciplinar e holística que inclúe coñecementos ambientais, artísticos e deportivos, pero tamén nocións de xestión e iniciativa empresarial e de liderado de grupos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2013.