O reitor recibiu aos alumnos do programa Bolsas Europa da Universidade Francisco de Victoria
O reitor Juan Casares recibiu este xoves 22 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca aos cincuenta alumnos que están a participar no Programa Bolsas Europa da Universidade Francisco de Victoria. Na recepción participaron o director do Programa, Rafael Monjo, o responsable académico do programa, Salvador Antuñano; e a directora da Oficina de Información Universitaria, Isabel Braña. Os alumnos puideron coñecer neste acto os principais trazos que definen a personalidade da Universidade de Santiago, da mando do reitor compostelán que se dirixiu a eles apelando á importancia da Universidade como transmisora de cultura. A xornada continuou coa asistencia á conferencia que o catedrático de Historia Medieval, Fernando López Alsina, pronunciou na Aula Magna da Facultade de Bioloxía titulada ‘Santiago de Compostela: Catedral, Cidade, Ano Xubilar e Universidade’. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas asistirán a unha segunda conferencia no mesmo centro. O Programa Bolsas Europa da Universidade Francisco de Victoria ten como obxectivo premiar e potenciar o talento dos mellores expedientes de alumnos/as preuniversitarios de calquera punto de España –concretamente, os alumnos coa mellor media de 2º de Bacharelato de toda España-, ofrecéndolle a oportunidade de acadar un coñecemento profundo e comprometido do que significa ser universitario na Europa actual. Os promotores do programa buscan así fomentar a creación de redes europeas de líderes universitarios e o debate sobre o sentido da universidade e o seu compromiso coa mellora da sociedade.
Este ano seleccionáronse, despois dun proceso especialmente esixente, medio centenar de alumnos que, acompañados de cinco profesores universitarios e outros tantos alumnos da Universidade Francisco de Vitoria, emprenden unha viaxe de tres semanas polas principais universidades europeas (Bolonia, Heidelberg, Paris,…) participando nun intenso programa de conferencias, grupos de debate e encontros con personalidades de primeiro nivel, procedentes do mundo universitario, cultural, político e empresarial.
O reitor Juan Casares flanqueado por Rafael Monjo e Salvador Antuñano