Ir o contido principal

Remata o ciclo en lembranza de Lluís Companys, derradeiro presidente da Generalitat republicana

A Área de Filoloxía Catalá da USC remata este xoves 10 a homenaxe a Lluís Companys, derradeiro presidente da Generalitat republicana, con motivo do 75 aniversario do seu fusilamento, na noite do 15 de outubro de 1940 despois de ser capturado en Francia pola Gestapo e entregado ao réxime franquista.

A última sesión do cinefórum terá lugar ás 19.00 h no Salón de Actos da Facultade de Filosofía coa proxección de 13 dies d’octubre (2015), filme dirixido por Carlos Marques-Marcet. Esta é a última película producida sobre Lluís Companys, estreada o pasado setembro, e céntrase nos seus derradeiros días, cando espera no Castelo de Montjuïc o xuízo que o condenará a morte e afronta este final coas súas circunstancias, os seus medos e as súas contradicións. Nesta ocasión o presentador e condutor do debate final será o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, experto en temas de memoria histórica e director de Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces.

O ciclo trata de aproximar e profundar dende un punto de vista divulgativo na vida e na traxectoria de Companys para motivar a reflexión sobre a importancia da memoria histórica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2015.