Renovado o convenio de colaboración entre USC e Escola Galega de Administración Pública
USC, UDC e UVigo renovaron este mércores a colaboración para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), co obxectivo de aproveitar as sinerxías e os recursos destas institucións. O reitor Antonio López asinou o acordo xunto coa directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o reitor da UDC, Julio Abalde; e da UVigo, Manuel Reigosa.
A través deste convenio, o persoal de administración e de servizos das tres universidades galegas poderá acceder a cursos de formación continua específicos para eles, e ademais poderán participar nas actividades comúns do Plan formativo ofimático de Galicia, do Portal de Idiomas e os cursos de igualdade e violencia de xénero que oferta a EGAP no marco do seu Plan Anual de Formación.
Desta forma, este acordo permite á EGAP dar acceso a estes traballadores a unha formación de calidade e actualizada sobre materias relacionadas coa Administración e o seu funcionamento. No resto de actividades como os cursos de verán tamén poderán participar os demais membros da comunidade universitaria como profesores e alumnos, xunto con empregados públicos das Administracións galegas.
Desde o ano 2014, a Escola Galega de Administración Pública programou para o persoal de administración e de servizos das universidades, mediante este convenio, un total de 190 cursos con case 9.500 prazas. En concreto, para este 2020 no que se renova o acordo por sexto ano consecutivo, convocaranse 19 edicións de case un milleiro de prazas, ademais do acceso deste persoal aos programas de ofimática, idiomas, e igualdade ofertados pola Escola.
Entre a formación reservada para o persoal do sistema universitario galego destacan materias como a contratación pública ou a protección de datos, ademais de cursos específicos sobre prevención da violencia de xénero e enfoque de xénero neste ámbito.
Estas actividades inclúense no Plan de Formación da EGAP para este ano, no que se prevé a convocatoria de 580 cursos e 28.377 prazas para o persoal da Administración autonómica e das tres universidades galegas, ademais de persoal da Administración local, da Xustiza e ao servizo das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia. O plan formativo deste 2020 incide un ano máis na formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, cun total de 55 cursos nesta materia.