Ir o contido principal

Rexistros de naufraxios e aneis de árbores relacionan os furacáns históricos do Caribe coas flutuacións da radiación solar

A dendrocronóloga Marta Domínguez traballa na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
A dendrocronóloga Marta Domínguez traballa na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo
A dendroarqueóloga e investigadora da USC Marta Domínguez Delmás participa nun estudo pioneiro da Universidade de Arizona que publica a revista científica PNAS

Rexistros históricos de naufraxios españois no Caribe combinados con series de crecemento de piñeiros dos Cayos de Florida indican que o período 1645-1715, coñecido como o Mínimo de Maunder, tivo o menor número de furacáns (ciclóns tropicais) no Caribe desde o ano 1495, segundo unha nova investigación dirixida pola Universidade de Arizona e da que é coautora a doutora Marta Domínguez Delmás, investigadora Marie Curie do departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.

A investigación, pioneira no emprego de naufraxios para reconstruír a actividade dos ciclóns tropicais e na que, xunto con Marta Domínguez Delmás, tamén participan Valerie Trouet e Grant L. Harley, é obxecto do artigo ‘Shipwreck Rates Reveal Caribbean Tropical Cyclone Response to Past Radiative Forcing’, que publica este luns a prestixiosa revista científica Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS). O citado artigo indica que os autores da investigación atoparon unha redución do 75 por cento no número das devanditas tormentas no Caribe durante o Mínimo de Maunder, un período ben documentado de diminución na actividade das manchas solares e caracterizado polas temperaturas frías no hemisferio Norte.

Os estudos de modelos climáticos suxiren que o quecemento futuro podería favorecer o aumento en intensidade dos ciclóns tropicais. Con todo, estes modelos non coinciden na magnitude de tal aumento e ademais son pouco fiables nas predicións a nivel rexional, debido en parte á relación pouco clara entre a actividade dos ciclóns tropicais e as variacións naturais na actividade solar. Mediante o uso de rexistros históricos de naufraxios de barcos españois no Caribe e unha cronoloxía de aneis de árbores dos Cayos de Florida, os investigadores construíron unha historia anual da actividade de ciclóns tropicais no Caribe que se remonta até o ano 1495. Esta serie de máis de 500 anos contribúe a mellorar os nosos coñecementos sobre a variabilidade dos furacáns.

Rexistros históricos
A División de Investigación de Furacáns de EE.UU. comezou a levar rexistros instrumentais de furacáns no Caribe en 1851 nunha base de datos coñecida como HURDAT. Até agora, outros investigadores utilizaron rexistros de sedimentos para reconstruír a actividade de furacáns nos últimos séculos, pero estes datos só proporcionan resolución a nivel secular. A nova investigación achega un rexistro anual de ciclóns tropicais ou furacáns que comeza pouco despois de que Cristóbal Colón chegase por primeira vez ao Caribe. O tráfico marítimo entre España e o Caribe está documentado con detalle no Arquivo Xeral de Indias (AGI) e as tormentas representaban a causa principal de afundimentos nesta rexión.

Os investigadores obtiveron unha listaxe de naufraxios españois en augas caribeñas, documentación que, combinada coa lista de Rexistros de Ida de navíos do AGI, permitiulles compilar unha lista de naufraxios de barcos españois que se sabe foron causados por tormentas durante as tempadas de furacáns entre 1495 e 1825. O equipo atopou que os patróns de furacáns da base de datos de naufraxios coincidían estreitamente cunha cronoloxía de aneis de crecemento de piñeiros dos Cayos de Florida que cobre o período 1707 a 1825 e que, segundo descubriron os autores da investigación ao cotexala cos datos do HURDAT, tamén reflicte os furacáns, xa que os referidos piñeiros sofren reducións acusadas de crecemento en anos posteriores a estas tormentas.

Ao superpoñer o o rexistro de naufraxios e a cronoloxía de aneis dos piñeiros, os investigadores descubriron unha redución do 75 por cento na actividade de ciclóns tropicais no Mínimo de Maunder. Este período caracterizouse por unha baixada na actividade das manchas solares. Debido a que a Terra recibe menos radiación solar durante as pausas na actividade das manchas solares, o hemisferio norte estaba relativamente máis fresco durante o Mínimo de Maunder en relación aos períodos de tempo anterior ou posterior.

Descubrir que un período de calma nos furacáns do Caribe correspondeu a un momento en que a Terra recibía menos enerxía solar axudará aos investigadores a entender mellor a influencia de grandes cambios na radiación solar na actividade dos furacáns ou ciclóns tropicais, mesmo nun escenario de quecemento favorecido por emisións de gases con efecto invernadoiro. Pescudar como o cambio climático afecta á actividade de furacáns é importante para a planificación da xestión e mitigación de emerxencias, xa que os furacáns son moi destrutivos e teñen grandes impactos sociais. Entre 1970 e 2002 os danos por furacáns/ciclóns tropicais en Estados Unidos foron estimados por outros investigadores en 57 mil millóns de dólares. Daquela, cómpre subliñar que os novos achados axudarán a mellorar as futuras predicións de furacáns nun clima cambiante.

Contratada 'Marie Curie'
A doutora Marta Domínguez Delmás é dendrocronóloga e na actualidade desenvolve o seu labor investigador na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC, onde está contratada no departamento de Botánica cunha Marie Skodolwska Curie Innovative Training Networks no marco do proxecto ForSEAdiscovery (Forest resources for Iberian empires: ecology and globalisation in the Age of Discovery, PITN-2013-GA-607545). O obxectivo último deste programa europeo é o de investigar o abastecemento de madeira para a construción naval nos imperios ibéricos durante a Idade Moderna, mentres que as pretensións específicas de Domínguez Delmás atinxen ao desenvolvemento dunha rede de cronoloxías de aneis para datar a madeira de pecios de barcos españois da Idade Moderna.

A súa especialización consiste na datación dendrocronolóxica de pezas de madeira de xacementos arqueolóxicos, edificios históricos e obxectos histórico-artísticos, disciplina coñecida como dendroarqueoloxía. O seu principal interese científico céntrase no estudo de patrimonio histórico e arqueolóxico material construído con madeira. Daquela, Domínguez Delmás investiga por medios dendrocronolóxicos a datación das pezas, a procedencia da madeira e todo o proceso de selección, comercio, transporte, procesado e uso deste material desde que as árbores crecían no bosque até a construción do produto final. O comercio histórico de madeira desde o Norte de Europa á Península Ibérica e o emprego de métodos noveis para determinar a procedencia de madeiras históricas complementan a súa inquietude científica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2016.