Rodríguez Lestegás fixa a ampliación da oferta de títulos e do “precarizado” cadro docente como obxectivos “estratéxicos”
A ampliación da actual oferta académica, a través da implantación dun dobre título de grao de Mestre en Educación Infantil e Educación Primaria, e o reforzo dun cadro de persoal “mermado e precarizado” son dous dos obxectivos fixados por Francisco Rodríguez Lestegás, catedrático do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Socias da USC, para o seu segundo mandato como decano da Facultade de Formación do Profesorado.
Nun acto presidido polo reitor da USC, Juan Viaño Rey, e no que tamén participaron a secretaria xeral da institución académica, Consuelo Ferreiro, e os vicerreitores Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, ademais dos decanos, directores e profesores do centros universitarios do campus de Lugo, Rodríguez Lestegás fixo unha análise da situación actual da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, ao tempo que apuntou liñas de traballo para o futuro. O agradecemento ás profesoras que o acompañaron durante os últimos catro anos no equipo de dirección da Facultade de Formación do Profesorado, Carmen Díaz Rodríguez e María del Mar Viña Rouco, que tamén continúan agora nos seus cargos como vicedecana e secretaria, respectivamente, centrou as primeiras palabras do discurso de investidura de Rodríguez Lestegás como decano, unha intervención non exenta de reivindicacións na que subliñou o “gran esforzo e o compromiso persoal e profesional” como chaves do éxito que revelan as enquisas de satisfacción do alumnado e os informes de calidade relativos á Facultade. O reitor Juan Viaño trasladou os seus parabéns a Rodríguez Lestegás, así como ás profesoras que conforman o seu equipo, pola decisión de seguir a guiar a Facultade decana do campus de Lugo, “ unha tarefa complexa, como a que corresponde á xestión de dous títulos de grao e dous de máster”, dixo. Logo de poñer de lembrar que Formación do Profesorado cubre todas as prazas ofertadas nos títulos de grao, Viaño referiuse ao novo plan de captación de talento financiado pola Deputación de Lugo e en virtude do que os mellores expedientes preuniversitarios poderán gozar de matrícula de balde en calquera das titulacións ofertadas pola USC en Lugo, do mesmo xeito que os graduados que teñan mellores cualificacións tamén poderán inscribirse de xeito gratuíto en calquera dos programas de posgrao universitario ofertados pola USC neste campus. Estudantes e cadro docente “Formación do Profesorado ten matriculados 817 estudantes, aos que lles imparte docencia un total de 79 profesores, dos que só 49 están vinculados á Facultade e destes, 21 son os que teñen vinculación permanente coa USC”, sinalou Rodríguez Lestegás para retratar o déficit de profesorado da Facultade, unha eiva que, ademais de facer máis difícil dar unha ensinanza de calidade aos alumnos, impide, entre outros cometidos, desenvolver o novo modelo de deseño e organización do Prácticum que vén de avaliar positivamente a Axencia pola Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dixo. O decano de Formación do Profesorado, que tamén salientou que esta mesma carencia de docentes impide que impartir ao alumnado do centro a especialidade de Formación Profesional, sector Servizos, do máster en Profesorado de Educación Secundaria, congratulouse da recuperación para o próximo curso do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza logo de “espertar dun pesadelo absurdo e disparatado”. A problemática derivada das limitacións de uso das instalacións da Facultade de Formación do Profesorado, un edificio propiedade da USC, aínda que parcialmente ocupado polo Ceip Anexa, foi outro dos asuntos sobre os que Rodríguez Lestegás demandou a intervención da USC para que a Xunta resolvera esta situación, así como para que cumpra coa súa obriga de garantir as prazas en centros de ensino para que os futuros mestres poidan desenvolver o Prácticum.