Este sábado desenvolvéronse as probas para elixir a 18 edición de ESTALMAT-Galicia

150 rapazas e rapaces realizaron este sábado a proba do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas, da que finalmente sairán os 25 estudantes que conformarán a 18ª promoción de ESTALMAT-Galicia. A proba, cunha duración de dúas horas e media, consistiu na resolución de 5 problemas.
O grupo estivo conformado por 54 nenas e 96 nenos; dos que 83 pertencen á provincia de A Coruña, 4 á de Lugo, 22 á de Ourense e 41 á de Pontevedra. Do total, 99 estudan en centros públicos e 51 fano en centros privados ou concertados. A cativada que participou representa 33 concellos diferentes (Figura 1), nun traballo realizado grazas ao emprego da ferramenta EMAPIC desenvolta na UDC polo grupo do profesor Alberto Varela, coa implicación nesta convocatoria da estudante de Enxeñaría Informática da ETSE Iria Álvarez Blanco.
Con esta convocatoria supérase a cifra de 5.000 estudantes que con 12 e 13 anos teñen participado nos últimos dezaoito anos para facer a proba de selección. Sumarán así un total de 460 mozas e mozos seleccionados para participar no programa que impulsa o talento nas matemáticas.
A organización conta para o desenvolvemento da proba coa colaboración de dous centros de Ensino Medio: o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense e o IES Castelao de Vigo, xunto coa Facultade de Matemáticas da USC. As probas corríxeas de forma anónima un equipo de dez docentes, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección é feita polo conxunto do comité.
A lista alfabética das persoas preseleccionadas farase pública na páxina web do proxecto antes do 30 de xuño. Os primeiros 25 rapaces e rapazas preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do proxecto, que serán na Facultade de Matemáticas nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos, con posibilidade de continuar un curso mais, Estalmat Pi (15 sesións).
Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para o seu mellor aproveitamento pola sociedade.
O Proxecto ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta cun financiamento específico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional, da Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Entre os colaboradores figura ademais Casio educación.
Desde finais pasado ano Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, desde o que xa fixeron achegas particulares así como as empresas DXC Technology desde o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Intelixencia Artificial para España e Portugal e o Centro de Investigación Mestrelab.


