SEPA-interea impulsa un webminar para captar centros escolares que se sumen aos seus proxectos Erasmus +
O profesor da USC Francisco Soñora impartirá un webminar para centros escolares con interese en sumarse como centros piloto no marco dos proxectos de investigación Erasmus+ KA226 e KA227 nos que o gripo da Facultade de Ciencias da Educación SEPA-interea é socio. Esta iniciativa está dirixida a docentes de toda España, asociacións de profesores, así como á rede de centros do proxecto Climántica en América Latina, Europa e África. “O obxectivo é tecer a rede de centros piloto dos dous proxectos que quedaron coa máxima valoración nas dúas convocatorias extraordinarias de innovación convocadas no encadre Erasmus+”, explica o profesor Soñora. A sesión desenvolverase o luns 15 de marzo, a partir das 19.00 horas.
Turismo verde
O proxecto ‘EDUCinema Clima TurAction: creatividade colectiva e educación comunitaria na alfabetización cinematográfica para un turismo de acción polo clima’, dirixido polo catedrático da USC e investigador principal de SEPA-interea, José Antonio Caride, focalízase no cine como recurso pedagóxico-social na acción polo clima. Estudantes de entre 15 e 17 anos crearán unha película de cinema musical con escenarios en diferentes países e contextos de interese para o turismo verde. A USC liderará esta investigación na que tamén toman parte as universidades de Aveiro en Portugal; e de Bolonia, en Italia; así como tres Institutos de Educación Secundaria.
“O cinema musical escolar será unha ferramenta de sensibilización para atraer e comprometer aos turistas en accións polo clima nas súas estadías turísticas en territorios que tentan afrontar os impactos do cambio climático e das pandemias”, explica o profesor Caride. A alfabetización cinematográfica para un turismo verde de acción polo clima pon a énfase nunha dobre perspectiva de reflexión e acción pedagóxica-social, cun enfoque interxeracional, ambiental, escolar e social, cívico e comunitario. “Este contexto amplía as potencialidades inherentes á creatividade colectiva centrada na acción polo clima (Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 13), e o protagonismo das aprendizaxes ao longo de toda a vida (Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 4)”, continúa Caride. Deste xeito, impúlsase a alfabetización cinematográfica para a promoción de boas prácticas de Educación Ambiental, que, ademais de contribuír ao fomento de valores, actitudes, ou comportamentos ecolóxica e socialmente responsables, favorezan a atracción de persoas que se sentan partícipes de actividades e/ou accións polo clima en destinos turísticos.
Experimentación científica
‘InnoEduCO2: ciencia escolar e-learning one healt’ aspira a “compensar as barreiras, fendas e limitacións derivadas da crise da COVID-19, impulsando un currículo escolar experiencial baseado na aprendizaxe dixital”, explican os investigadores. Tamén impulsada dende SEPA-interea, esta iniciativa é o resultado da asociación da USC co Concello de Outes, as universidades de UIasi, en Rumanía; e de Aveiro, en Portugal; así como dúas escolas públicas de Aveiro; o Liceo XXVI de Polonia; e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O proxecto oriéntase a reforzar a capacidade das institucións de educación e formación para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade a través do modelo pedagóxico e-learning STE(A)M-TIC que permita compensar o incremento nas carencias da UE en Educación Escolar adaptando a formación telemática da era COVID-19 ás necesidades curriculares de experimentación científica. A través do desenvolvemento e implementación de modelos e-lab e e-eco vinculados á realidade aumentada que posibilita a carga xeolocalizada de datos nos ecosistemas en campo e laboratorio en diferentes océanos europeos, preténdese reforzar a capacidade das institucións de educación escolar para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade.
As iniciativas deste grupo incorporan principios do deseño e encadre metodolóxico do proxecto Climántica, do que é coordinador xeral o profesor asociado da USC Francisco Sóñora, membro tamén de SEPA-interea. Ambos os dous proxectos foron os mellor puntuados ao abeiro das modalidades correspondentes a ‘Asociacións para a Preparación para a Educación Dixital no sector da Educación Escolar’ (KA226) e ‘Asociacións para a Creatividade no sector da Educación Escolar’ (KA227) do programa Erasmus+.