Ir o contido principal

‘Sons Creativos’ ofrece do 6 ao 14 de maio un ecléctico abano de concertos de electroacústica e arte sonora

Basadre, Outeiro e Silva, na presentación da sétima edición de 'Sons Creativos'
Basadre, Outeiro e Silva, na presentación da sétima edición de 'Sons Creativos'
Un repertorio do GCSUS e un obradoiro guiado por Carlos Suárez abren a nova edición desta plataforma de creación sonora que concluirá cunha sesión de improvisación libre

A sétima edición do programa ‘Sons Creativos’, unha plataforma para a difusión e creación sonora, ofrecerá do 6 ao 14 de maio na capital luguesa un ecléctico repertorio de concertos, audicións, obradoiros de electroacústica e arte sonora e unha sesión final de improvisación libre, guiada polos membros do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) é aberta a participación daqueles artistas que traballan a música improvisada e a experimentación, empregando a tecnoloxía como base das súas creacións.

A nova edición de ‘Sons Creativos’, un programa organizado desde os seus comezos polo Grupo de Creación Sonora da USC baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, Arturo Vaquero e Xoán Xil López e ao abrigo da convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas financeiras USC, Concello e a Deputación de Lugo, constitúe unha decidida aposta por difundir e achegar ao público dúas formas de creación sonora pouco habituais, tales como son a electroacústica e a arte sonora. A programación desta nova edición de ‘Sons Creativos’, presentada este mércores nun acto no que interviñeron a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva; o deputado provincial delegado das áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, e a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, está estruturada arredor dun ciclo de concerto. Esta oferta musical pretende destacar o peso en alza de grupos e artistas galegos como Carlos Suárez ou o grupo ELO, ademais de músicos de doutras procedencias como é o caso Edson Zamprona, compositor electroacústico de orixe brasileiro afincado en León, ou João Pedro Oliveira, da Universidade de Aveiro, así como artistas pertencentes á Asociación de Músicos Electroacústicos (AMEE), entre os que cómpre citar a Julia Chiner e Stefano Scarani. O apartado dedicado á formación estará a cargo do compositor, etnomusicólogo e percusionista Carlos Suárez, que impartirá o obradoiro de electrónica aplicada ao son ‘Principios de electrónica sonora, soldadura e construción dun “pulse sequencer”. Esta actividade, que se impartirá os días 6 e 7 de maio na Facultade de Formación do Profesorado e ofrece un máximo de 12 prazas, está aberta á participación das persoas interesadas na electrónica sonora, a exploración e o “faino ti mesmo", profesionais ou non. Non se require experiencia algunha en soldadura, nin electrónica. A inscrición poderá facerse ata o 5 de maio na Área de Cultura do Campus. Programa de concertos O concerto inaugural da sétima edición de ‘Sons Creativos’ será o 6 de maio, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, e correrá a cargo do Grupo de Creación Sonora da USC, unha formación fundada en 1995 que estreará nesta actuación composicións feitas ex profeso para este proxecto, como o son Miniatura Sonoras,de Inmaculada Cárdenas, e Equivalencias sonoras, composición para voz, percusión e electrónica de Mónica Álvarez, Efraim Díaz e Arturo Vaquero, ademais de presentar outras composicións da súa autoría como Praia das Catedrais ou Periferias. O día 7 de maio, o compositor portugués João Pedro Oliveira e o musicólogo Carlos Suárez ofreceranos no mesmo escenario o concerto de música electroacústica e obxectos preparados que leva por título ‘Ars poética’,construído a partir de temas dos seus últimos traballos publicados. O terceiro dos concertos programados e que se desenvolverá o 12 de maio, permitirá ao público escoitar varias composicións de Stefano Scarani e Julia Chiner, así como do grupo ELO, integrado por Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira. Estes dous artistas interpretarán un concerto de música e poesía, presentándonos o seu último traballo discográfico: ‘Ningún amante sabe conducir/Vinte en escena’ (2015). O compositor electroacústico de orixe brasileiro afincado actualmente na cidade de León, Edson Zamprona ofrecerá o 13 de maio un concerto de electroacústica e piano no que interpretará unha selección de seis obras da súa autoría. Para o concerto de clausura, que terá lugar o día 14 de maio no quiosco da Praza Maior de Lugo, repetirase a experiencia da pasada edición de ‘ Sons Creativos’ cun concerto de improvisación libre guiado por compoñentes do Grupo de Creación Sonora da USC e e aberto á participación daqueles músicos que traballen as músicas improvisadas e a experimentación, utilizando a tecnoloxía como base das súas creacións. Para poder participar neste concerto é necesario inscribirse previamente na Área de Cultura da USC no Campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2015.