Ir o contido principal

Última semana para inscribirse no obradoiro de elaboración de Traballos Fin de Grao e Fin de Máster

O prazo de inscrición remata o próximo venres 28

O Obradoiro de elaboración e defensa de Traballos de Fin de Grao ou Traballos de Fin de Máster en galego manterá aberto o seu prazo de matrícula ata o próximo 28 de febreiro. O seu obxectivo é que os alumnos e alumnas que teñan que redactar e defender este tipo de traballos o fagan coa máxima calidade formal e en lingua galega, para o que traballarán sobre un modelo (aprobado, por exemplo, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e mais na Escola Técnica Superior de Enxeñaría) e titorizados polo profesorado do obradoiro. Trátase da terceira edición deste mesmo obradoiro, que ata agora só se organizaba para Ciencias Económicas e que desta volta se desenvolverá de xeito aberto para todo o alumnado matriculado na materia de ‘Traballo de Fin de Grao’ ou no de fin de máster de todas as titulacións. O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos dos traballos. Nas 30 horas do curso, 26 delas presenciais, as persoas matriculadas tratarán contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do TFG/TFM, e tamén comunicacionais para a defensa do traballo con apoio de presentacións dixitais. Están programados dous Obradoiros de elaboración e defensa destes traballos en galego: na Aula de Informática 5 da Facultade de Dereito, dende o día 10 de marzo os luns e os martes ao mediodía; e na Aula de Informática 7 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a partir do 12 de marzo, os mércores e xoves ao mediodía, en sesións de dúas horas.

O curso está recoñecido cun crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas. A matrícula no curso custa 30 euros e faise a través da Secretaría Virtual ata o día 28 de febreiro. Esta acción formativa foi inicialmente proposta pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e organizada conxuntamente co Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Logo de dúas edicións con boas valoracións e resultados, o SNL ampliou esta acción para todo o alumnado que deba realizar un destes traballos, os TFG ou os TFM. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web dos cursos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2014.