A Universidade clausura o curso do IV Ciclo coa entrega insignias e diplomas a 67 novos titulados en Formación do Profesorado
A Universidade de Santiago de Compostela clausura do presente curso 2012-2013 do IV Ciclo Universitario coa celebración do acto académico de entrega de insignias e diplomas aos 67 novos titulados que xa completaron tres ou cinco cursos deste programa de formación de maiores. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o seu homólogo de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa, presidiron este venres na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo esta cerimonia de graduación sénior, no marco da que a secretaria xeral de Políticas Sociais da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro, asegurou o apoio futuro da Administración autonómica a este plan de formación de maiores.
García Herradón abriu o acto de clausura do curso do IV Ciclo Universitario da USC cun recoñecemento expreso a todos aqueles cantos fixeron e fan posible o desenvolvemento do IV Ciclo, un programa “exitoso e de máximo interese”, dixo, para logo engadir que “o IV Ciclo é moito máis que unha forma de lecer para os maiores, pois trátase dun plan de formación universitaria, co que eso conleva”. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo agradeceu publicamente o compromiso da Xunta de Galicia, manifestado en verbas da secretaría xeral de Políticas Sociais, Coro Piñeiro, de dar continuidade ao seu apoio ao IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela. García Herradón sinalou neste senso que “está claro que con menos recursos non se pode facer o mesmo”, para logo salientar os esforzos feitos polo goberno da USC para manter este programa de formación sénior, que cada vez recibe máis alumnado e no que tamén medra o número de profesores implicados. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán Villa, aproveitou este encontro con estudantes e profesores do IV Ciclo para facerlles chegar os seus parabéns, especialmente os alumnos/as, aos que animou a seguir a participar neste programa universitario. Durán Villa manifestou asemade o seu convecemento de que “o feito de envellecer é un dos avances sociais máis importantes, senón o máis”. O envellecemento activo e as novas consideracións sociais deste colectivo de adultos centrou a intervención do director do IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Máximo Quintáns Rodríguez, quen tamén convidou a reflexionar sobre o proceso de transformación demográfico, co que a poboación maior é e será cada vez máis numerosa na sociedade. A mellora da integración, participación e da calidade de vida das persoas de máis idade é tamén un dos cometidos da Xunta de Galicia, segundo indicou a secretaria xeral de Políticas Sociais, Coro Piñeiro, quen se referiu aos alumnos do IV Ciclo Universitario como “a mellor imaxe da nosa sociedade”. O acto de entrega de insignias e diplomas aos 66 novos titulados do IV Ciclo da USC congregou no salón de actos da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo máis dun centenar de persoas, entre as que se atopaban un nutrido grupo de docentes, así como moitos alumnos e familiares e amigos destes. A profesora do Departamento de Anatomía e Produción Animal da Universidade de Santiago, Patricia Fernández Trocóniz, que actuou como madriña desta décima segunda promoción de titulados do IV Ciclo da USC, agradeceu a sabedoría recibida deste colectivo de estudantes, que “reporta máis satisfaccións que traballo”. Asemade, a graduada sénior María do Carme Porto Vázquez, que tomou a palabra neste cerimonia en calidade de representante dos estudantes de IV Ciclo, tampouco reparou en eloxios para esta programa universitario.
O número de alumnos/as que completaron no curso 2012-12 a diplomatura sénior ascende a 25, dos que 13 están matriculados no campus de Lugo e 12 no de Compostela. Asemade, durante este exercicio académico outras 41 persoas inscritas no IV Ciclo Universitario da USC (24 en Lugo e 17 en Compostela) remataron xa os cinco cursos deste programa de formación de maiores, razón pola que recibirán as correspondentes insignias. Ao remate do acto de clausura do curso, todos os participantes compartirán un xantar de confraternidade no restaurante Los Robles da capital luguesa.
Quintáns, Piñeiro, Herradón, Durán e Fernández de Trocóniz, na clasura do IV Ciclo