Ir o contido principal

A USC e a CEL fomentan a formación práctica do estudantado de ADE cun convenio para desenvolver estadías en empresas

Barreiro, Casares, López e García Herradón, trala firma do convenio entre USC e CEL
Barreiro, Casares, López e García Herradón, trala firma do convenio entre USC e CEL
O reitor Juan Casares e o secretario da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, asinaron este martes a renovación do acordo marco entre as dúas institucións

O reitor da USC, Juan Casares, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), asinaron este martes, na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, a renovación dun convenio marco entre as dúas institucións, en virtude do que estudantes da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de campus de Lugo poden desenvolver estadías de prácticas nas distintas empresas adheridas á CEL.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro, asistiron ao acto de renovación deste convenio entre a USC e a Confederación de Empresarios de Lugo, no que se puxo de manifesto os múltiples beneficios que depara este tipo de colaboración tanto para a USC e os seu estudantado como para o propio tecido empresarial lugués. Este convenio de prácticas suscrito entre a USC e a CEL está aberto á participación de estudantes de grao e de máster na Facultade de ADE. As persoas que soliciten completar estas estadías tuteladas, poderán desenvolver as prácticas tanto nas propias dependencias da CEL como en calquera das empresas asociadas que decida sumarse ao convenio e manifeste o seu interese de incorporar a alumnos/as e/ou titulados/as en prácticas durante un período de tempo previamente acordado. O secretario xeral da CEL, Jaime López, salientou asemade o crecente interese que está a espertar entre o empresariado lugués a posibilidade de incorporar a universitarios/as en prácticas aos seus respectivos cadros de traballadores. López agradeceu a crecente participación de empresas nesta iniciativa e lembrou que é a propia CEL a que difunde e informa da existencia deste convenio aos seus asociados, aínda que logo son os propios empresarios/as os/as que formalizan a solicitude. “Con este acordo a CEL pretende avanzar na adecuación da formación que reciben os futuros traballadores á realidade empresarial”, afirmou Jaime López, quen cualificou este programa de “ beneficioso para o alumno/a, que mellora a súas posibilidades de inserción laboral, e positivo para a empresa, que incorpora profesionais mellor formados que contribúen de xeito máis eficiente a cumprir os obxectivos empresariais e a súa competencia”. A decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, Begoña Barreiro, destacou que a renovación da firma deste convenio coa CEL refrenda o esforzo que está a realizar a USC para mellorar e completar a formación dos seus graduados/as a través deste tipo de programas de colaboración con entidades públicas e privadas. Barreiro destacou a “satisfacción” que deparan este tipo de estadías en prácticas tanto para os/as estudantes como para os/as empresarios/as, ao tempo que fixo fincapé na firme vontade da facultade de ADE por achegarse o tecido empresarial da contorna para así poder participar da súa actividade e permanecer tamén atento ás súas posibles necesidades. Máis de 40 estadías en prácticas laborais en empresas no curso 2013-14 Máis de 40 estudantes de grao na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo completaron ao longo do pasado curso académico 2013-14 estadías en prácticas laborais en distintas entidades e empresas, segundo indicou a decana da Facultade de ADE Begoña Barreiro. Barreiro sinalou que este convenio coa CEL posibilitou o primeiro achegamento dun bo número de estudantes á realidade do mundo laboral. Outros alumnos/as dos últimos cursos do grao en ADE tamén completaron o pasado curso prácticas en empresas a través dos acordos que mantén asinados a Facultade de ADE con outros organismos e entidades, tales como o son a Fundación CEL, o CEI-Nodus do Concello de Lugo ou mesmo o Colexio de Economistas. O éxito destas colaboracións está fóra de dúbidas, dixo Barreiro, ao tempo que salientou o crecente interese das empresas por incorporar estudantes en prácticas. A decana da Facultade de ADE do campus de Lugo sinalou neste senso que a oferta de prazas nas que os/as alumno/as de ADE poderán desenvolver este curso prácticas en empresa incrementouse nun 50% respecto do pasado ano. A maioría destas estadías formativas, que non son obxecto de remuneración salarial, realízanse durante o período de vacacións estivais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.04.2014.