Ir o contido principal

A USC lembra o 25 de abril coa presentación dun volume conmemorativo dos 50 anos e cunha charla de Rui Pato

Roberto Samartim, esquerda, Elias Feijó e Filipa Soares nun momento da xornada. FOTO: Santi Alvite
Roberto Samartim, esquerda, Elias Feijó e Filipa Soares nun momento da xornada. FOTO: Santi Alvite
Conclúe na Facultade de Filoloxía a primeira parte do programa de actividades, que seguirán o 7 e o 8 de maio con conferencias e un coloquio sobre o contexto histórico

A Facultade de Filoloxía foi o escenario este xoves do acto central da conmemoración dos 50 anos da Revolución dos Caraveis, a presentación do volume 50 anos de Abril na Galiza por parte dos coordinadores, Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim, e a charla do músico e médico Rui Pato, que contou a súa experiencia de estudante cando nos anos 60 acompañaba como músico a José Afonso, o autor da canción ‘Grândola, Vila Morena’ -que serviu para iniciar a mobilización do 25 de abril-, e Adriano Correia de Oliveira, e as súas vivencias como médico militar que estivo nas rúas de Lisboa nesa data.

O volume coordinador por Pazos-Justo e Samartim recolle testemuños de persoas que viviron en directo o levantamento militar do 25 de abril de 1974 en Portugal, denominado en portugués Revolução dos Cravos, como foi o caso do militar de orixe galega Manuel Durán Clemente, quen foi un dos capitáns de abril que levaron ás rúas e revolución.

Rui Pato, pola súa banda, logrou “deleitarnos coas músicas” que interpretaba canda José Afonso e Adriano Correia de Oliveira, subliñou o decano de Filoloxía, Elias Feijó Torres, quen cualificou de “excelente e única” a oportunidade de gozar en directo estas pezas e ademais poder escoitar as súas “leccións para o presente e para o futuro que nos explican o compromiso social dun músico e dun cidadán”.

O evento deste xoves, ao que asistiu tamén a agregada de Ensino da embaixada portuguesa en Madrid, Filipa Soares, conclúe a primeira parte do programa de conmemoración do 25 de abril de 1974, cando se derrubou nun día o réxime político ditatorial que existía no país veciño desde 1926. As tres xornadas, iniciadas este martes, estiveron dedicadas a literatura, música e Galicia. O martes, a profesora Izabel Margato analizou os textos literarios que dalgunha maneira anticipaban a revolución antes de que sucedera; o mércores o escritor e ex militar Xosé Fortes e a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo dialogaron con Áurea Sánchez e Joel Gômez na sala de actos de Filoloxía sobre como se viviu o 25 de abril do outro lado do río Miño.

As dúas xornadas que compoñen a segunda parte o programa, dedicada ao 25 de abril na historia, desenvolveranse os días 7 e 8 de maio. O martes 7 de maio ás 12.00 horas en Filoloxía terá lugar unha charla co major general Pedro de Pezarat Correia, que explicará como o golpe militar se converteu nunha revolución. Ás 19.15 horas no Museo do Pobo Galego haberá un coloquio sobre as transicións ibéricas no que participarán Fernando Rosas, Nieves Lagares e Manuel de Artaza, moderado por Antón Losada.

O mércores 8 de maio Fernando Rosas ofrece ás 11.00 horas na sala de actos de Filoloxía unha conferencia sobre a memoria histórica do 25 de abril, evento co que conclúe o programa de actividades.

 

Parte do público asistente á xornada. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente á xornada. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2024.