Ir o contido principal

A USC reflexiona en clave filosófica sobre a relación entre xudeus, musulmáns e cristiáns

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Concibido como un seminario sobre as relixións abrahámicas-monoteístas, o curso de verán ‘ Xudeus, musulmáns e cristiáns: un diálogo urxente’ celebrarase esta semana, os días 2 e 3 de setembro, na Facultade de Filosofía dirixido por Victorino Pérez Prieto. ‘Conflito e diálogo’ é o relatorio que marcará ás 10:00 horas o arranque do programa, que seguirá co profesor de Filosofía da USC, Andrés Torres Queiruga, que reflexionará sobre a fe cristiá e sobre a situación das igrexas cristiás na actualidade. Tomaralle o relevo, xa pola tarde, a profesora de Sagrada Escritura na Universidade de Comillas, Carme Yebra, que se referirá á relixión da Biblia e aos laicos e fundamentalistas no xudaísmo histórico e moderno. No segundo día do encontro, o doutor en Teoloxía e director do curso Victorino Pérez abrirá a quenda de intervencións analizando os piares do Islam e as correntes islámicas na actualidade. Conxuntamente con Carme Yebra participará no debate ‘Musulmáns e xudeus’, e xa pola tarde darase paso ao profesor de Filosofía na USC, Nel Rodríguez, co relatorio ‘Islam e Europa: dous modos de organizar a polis’, rematando novamente con Victorino Pérez que falará sobre ‘O reto ecuménico’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.09.2010.