Ir o contido principal

Xeografía e Historia reivindica “a integridade e singularidade da materia Xeografía, Historia e Arte de Galicia”

Facultade de Xeografía e Historia da USC. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Xeografía e Historia da USC. FOTO: Santi Alvite
A Comisión Permanente da Xunta deste centro da USC acaba de facer pública unha declaración ante o anuncio da supresión das materias optativas de libre configuración autonómica ‘Xeografía e Historia de Galicia’ e ‘Patrimonio e Arte de Galicia’
Santiago de Compostela

A Comisión Permanente da Xunta de Facultade de Xeografía e Historia da USC considera fundamental manter “a integridade e singularidade da materia Xeografía, Historia e Arte de Galicia” diante do anuncio o pasado mes de abril da supresión das materias optativas de libre configuración autonómica ‘Xeografía e Historia de Galicia’ e ‘Patrimonio e Arte de Galicia’, de dúas horas semanais cadansúa.

 En opinión da Comisión Permanente de Xeografía e Historia, a proposta de substituílas por unha materia de nova creación chamada ‘Patrimonio e Sociedade de Galicia’ “carece de fundamento académico, fai de menos o traballo que dende as universidades e os institutos do país veñen traballando dende hai anos a prol da difusión das chaves do noso pasado colectivo, e institucional, do carácter finito dos recursos territoriais e da relevancia das manifestacións artísticas e culturais galegas, ao ignorar o que supoñen dúas Facultades do Sistema Universitario de Galicia que teñen por misión cultivar eses coñecementos”. Segundo recolle o manifesto da Facultade, cabe indicar que isto non ocorre así con outras materias optativas creadas o abeiro desta reforma que contan como respaldo con Facultades, e polo tanto tradicións de estudos ben consolidadas.

Entre outras consideracións, a Comisión considera que os contidos relativos a Xeografía, Historia e Arte de Galicia “non deben quedar relegados a esta materia senón que tamén deben ser parte activa de materias tales como ‘Xeografía e Historia’ na ESO; ‘Xeografía’, ‘Historia da Arte’ ou ‘Historia de España’ en Bacharelato, nas que a Xunta ten competencias para decidir no 50% autonómico. “Neste senso, emprazamos a que a Xunta empregue a súa capacidade de fixar contidos en chave galega”, conclúe do documento.

Olimpíada

Doutra banda, este centro da USC acolleu a celebración das I Olimpíadas de Xeografía Junior que contaron coa participación de 116 alumnos e alumnas de terceiro de ESO procedentes de 18 centros educativos de Galicia. Os gañadores foron Sergio López López do CPI Ponte Carreira (Frades); Lois Nieto Rodríguez do IES Pontepedriña (Santiago de Compostela) e Pelayo Blanco García do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas (Perillo-Oleiros).

Mediante as Olimpíadas de Xeografía preténdese establecer vínculos entre o Ensino Medio e a Universidade para atraer o interese do estudantado por esta disciplina, que se atopa fortemente ligada ao territorio e que "nos permite entender e analizar as relacións existentes entre o medio e as actividades humanas. A Xeografía é unha das ciencias que máis contribúe á mellora da planificación territorial e axuda a entender os espazos nas distintas escalas de análise", apuntan dende a organización.

"En Galicia, ofértase o Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio na Universidade de Santiago, destinado a formar expertos coñecedores da problemática do territorio galego, capaces de interpretar a súa diversidade e as complexidade dun xeito aplicado e experimental", engaden.  Neste sentido, desde o Colexio de Xeógrafos e o Departamento de Xeografía vese con gran esperanza a negociación que se está a ter coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade para que os contidos da Xeografía de Galicia teñan maior consideración nos curriculums formativos do Ensino Secundario Obrigatorio.

I Olimpíadas de Xeografía Junior
I Olimpíadas de Xeografía Junior
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2022.