A Oficina de Igualdade de Xénero, impulsa a campaña “Coida e Cóidate” dentro das actividades incluídas no convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de actuacións en execución do Plan Corresponsables, co obxectivo de promover a corresponsabilidade, o benestar e a igualdade entre o estudantado. A iniciativa nace a partir dos resultados do Estudo sobre corresponsabilidade na comunidade estudantil, realizado no mes de maio do 2025, que permite identificar dinámicas de convivencia, distribución de tarefas e percepcións arredor dos coidados e do uso do tempo.
Os principais indicadores recollidos no estudo evidencian a necesidade de avanzar cara a modelos máis equilibrados de reparto das responsabilidades, especialmente nas vivendas compartidas durante o curso académico. Tamén amosan a relevancia de favorecer prácticas que contribúan a un uso saudable e equitativo do tempo destinado aos estudos, ao traballo remunerado e á vida persoal.
Actitudes e Percepcións
6 de cada 10 estudantes cren que poderían facer máis nas tarefas domésticas.
9 de cada 10 pensan que os homes deben implicarse máis na corresponsabilidade.
As mulleres amosan maior conciencia e implicación, pero tamén máis carga e menos tempo libre.
Estudos e Tempo Persoal
O 26,9 % do alumnado dedica máis de 35 horas semanais aos estudos.
O 33 % das mulleres dedica máis de 35 horas semanais aos estudos, case o dobre que os homes (19 %).
Elas teñen menos tempo persoal libre xa que estudan máis horas.
Traballo e Estudos
O 25,3 % compaxina estudos e traballo.
As mulleres teñen máis xornadas parciais.
O 35,6 % dos que traballan fano máis de 35 horas/semana.
Vivenda e Fogar
O 68,8 % vive fóra da familia durante o curso.
O 60,2 % comparte piso con amizades ou compañeiras/os.
As mulleres fan máis tarefas de limpeza (63,2 %) ca os homes (51,2 %).
O 49,6 % dos homes indican que as tarefas de alimentación, cando viven en parella, as fan só eles ou principalmente eles, mentres que e as de limpeza de roupa, o 61,6% das mulleres indica que as fan só ou en maior medida elas.
Obsérvase un reparto de actividades no fogar en parella condicionado polo xénero, e as tarefas de alimentación recaen en maior medida nos homes, un 49,6% indican que fan só eles ou principalmente eles as actividades de alimentación, e as de limpeza de roupa nas mulleres, o 61,6% indica que as fan só ou en maior medida elas. En cambio, non se observan grandes diferenzas en función do sexo en relación ás tarefas de xestión do fogar".
A información recollida no estudo axúdanos a entender mellor a realidade do día a día do estudantado:
• Moitas persoas compatibilizan estudos, traballo e vida doméstica, cun impacto directo no seu tempo de descanso.
• As mulleres seguen asumindo unha porcentaxe maior dalgunhas tarefas, o que condiciona o seu tempo libre e o seu ritmo de vida.
• A maioría do alumnado detecta marxe de mellora na corresponsabilidade e mostra disposición ao cambio.
A campaña “Coida e Cóidate” preténdenos facer reflexionar sobre como me estou coidando?, estou deixando que me coiden?, estou coidando tamén ás persoas coas que convivo?.
Con esta iniciativa, a USC impulsa accións de sensibilización, difusión de información e promoción de hábitos que favorecen unha convivencia máis igualitaria. Ao mesmo tempo, reafirma o seu compromiso coa igualdade efectiva, coa corresponsabilidade e co benestar integral de toda a súa comunidade universitaria.