Pasar al contenido principal

O Campus Terra enche a gran pantalla en novembro

O Campus Terra enche a gran pantalla en novembro
O Campus Terra enche a gran pantalla en novembro
O III Certame de Videocreación e unha nova edición do Maratón Fotográfico, ao abeiro do Lugo Cultural, propostas audiovisuais para o mes de novembro
Lugo

A pouco máis de mes e medio para o Nadal, novembro comeza coa chegada adiantada dalgúns agasallos ao Campus Terra. E ademais faino ao grande, baixo enormes focos de iluminación, con micrófonos que recollen ata o son que produce o papel que os envolve ao abrilos, e colocados ao pé das árbores baixo a mellor dirección artística.

 

Envolto nunha épica banda sonora, volve unha nova edición do Certame de Videocreación ao Campus de Lugo, promovido ao abeiro do Lugo Cultural, e no que suman forzas a USC, a Área de Cultura do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

 

Co peche da claqueta comeza xa a súa terceira convocatoria que aposta pola valorización e a canalización das inquedanzas creativas da mocidade, e tamén polo recoñecemento das novas linguaxes onde a literatura conflúe co audiovisual.

 

Neste senso, toda aquela persoa interesada pode participar nesta iniciativa coa presentación dunha obra inédita e orixinal, de non máis de 5 minutos, e realizada tanto de forma individual como colectiva. O tempo do reloxo xa comezou a súa conta atrás, pois o prazo para enviar as propostas remata o vindeiro venres 22 de novembro ás 15:00 horas.

 

Ao igual que brillan as estrelas creativas neste certame tamén o fan os seus galardóns, que van na procura de renderlles unha homenaxe póstuma a Isidro Novo e a Araceli Herrero. Con este fin establécense tres premios, cada un deles dotado con 400 euros en metálico: o Premio Isidro Novo, para a videocreación con mellor linguaxe literaria; o Premio Araceli Herrero, destinado á proposta que mellor englobe todos os aspectos comunicativos ao empregar diferentes linguaxes; e o terceiro, que terá en conta os trazos estéticos relacionados coa imaxe, iluminación, dirección artística e montaxe e edición visual.

 

Para completar o novembro do Lugo Cultural, dámoslle paso á fotografía da man da vixésimo sétima edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo. Durante un prazo de 24 horas ininterrompidas, congregará na xornada do domingo 14 ás persoas participantes nesta toma de imaxes, dotada con 900€ en premios para as tres máis valoradas polo xurado.

 

Se queres gozar da maxia audiovisual non esquezas formalizar a túa inscrición de balde enchendo o formulario habilitado na web de Lugo Cultural que logo debes remitir ao correo cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Neste mesmo enderezo tamén podes rexistrarte para participar no Maratón Fotográfico ata as 13:00 horas do venres 12 de novembro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.