O Campus Terra, máis internacional ca nunca grazas -tamén- aos seus másteres
Ao rematar unha carreira universitaria e obter o título, ábrense as portas a un novo mundo cheo de camiños que levan a diferentes destinos, como o do Campus Terra. No interior deste espazo da Universidade de Santiago de Compostela reside unha constelación de grandes estrelas que recibe o nome de mestrados.
O seu atractivo para moitos graduados e graduadas universitarias é indubidable, pois, segundo as estatísticas provisionais de matrícula, xa superan as 300 persoas inscritas. Neste senso, cada vez é maior a presenza de alumnado internacional, na súa meirande parte procedente de países de Asia, América Latina e Europa.
Mais nesta viaxe pola terra das estrelas aínda quedan certos ocos baleiros nalgunhas titulacións, onde as últimas convocatorias de matrícula continúan abertas. Este é o caso dos másteres en Avogacía e en Dirección de Empresas, na área de coñecemento das Ciencias Sociais e Xurídicas, ámbito onde se rexistra o maior éxito de matrícula.
Igualmente, na Facultade de Ciencias existen algunhas vacantes no de Enxeñaría de Procesado de Alimentos e o de Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias, que supera o 80% de ocupación. Na mesma situación de prazas dispoñibles están os programas en Planificación e Xestión Territorial, en Enxeñaría de Montes e en Enxeñaría Agronómica, os tres na EPSE.
Pola contra, tanto o mestrado oficial en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) como os posgraos de Profesorado en Educación Secundaria e Formación Profesional, todos eles impartidos na Facultade de Formación do Profesorado, xa completaron o 100% das súas prazas. O mesmo acontece na EPSE co de Dirección de Proxectos e o de Sistemas Aéreos non Tripulados, e na Facultade de Veterinaria co de Xenómica e Xenética e o máster propio en Produción de Leite.
Como estrela situada no máis alto destaca tamén o mestrado oficial en Servizos Culturais da Facultade de Humanidades, que capta un maior número de estudantes internacionais e ademais ata rexistra listaxe de agarda para o seu acceso.
No hai máis que comezar o percorrido polo gran mapa celestial que representa o Campus Terra da USC para percibir o fulgor da súa oferta formativa única e ben consolidada e mais o seu carácter internacional.