A ciencia en galego sabe (aínda máis) no Campus Terra
Novembro non é só o mes no que comezamos a vestir gorros e bufandas por mor do frío, ou pola rúa vemos todo tipo de decoración e alumeado de Nadal. Novembro é tamén a época na que se acende a luz da ciencia en galego no Campus Terra.
Por sexto ano consecutivo, e logo de case 90 charlas e pósters presentados, volve DivulgaTerra, o ciclo de divulgación científica que promove a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC.
O seu obxectivo principal é dar a coñecer os proxectos nos que están a traballar tanto as persoas docentes como parte da mocidade investigadora vinculada á sede universitaria luguesa e impulsar o emprego do galego como lingua de difusión científica. Neste senso, o foro atópase estruturado en dúas sesións presenciais os xoves 18 e 25 de novembro, a partir das 19:30 horas na Casa do Saber de Lugo.
Ao igual que acontece coas Perseidas en agosto, esta cita imperdible coa ciencia xa debe estar ben marcada no almanaque. E é que o evento vai reunir a un total de 20 participantes que presentarán en intervencións de pouco máis de 10 minutos algunhas das chaves, achados, propósitos e conclusións preliminares dos seus traballos.
Deste xeito, dentro do elenco que conforma a primeira parte de DivulgaTerra atópase o peixe cebra, un grande aliado no estudo das enfermidades humanas. Igualmente, as perigosas mareas vermellas, os segredos que oculta o nariz do suricata, ou o uso de drons como unha ferramenta topográfica son algúns dos temas protagonistas nesta semana.
Para descubrir o programa completo e afondar de primeira man en todas as cuestións, a solución está en asistir ás dúas xornadas desta nova edición, que pon o foco na relación existente entre os contidos científicos e a nosa saúde, comportamento ou a calidade dos alimentos que inxerimos.
A asistencia a todas as conferencias de DivulgaTerra é libre e de balde ata completar a capacidade da sala co mantemento das restricións impostas pola actual normativa COVID-19. Gozar do bo e intenso sabor da divulgación científica en galego tan só é cuestión de achegarse ao Campus Terra!
*Imaxe da edición de 2020.