A experimentación avanza (tamén) a catro patas no Campus Terra
No Campus Terra ás veces non só camiñamos coas nosas pernas, tamén o facemos a catro patas. Non penses que somos estraños, pois todo ten unha explicación!
A pegada humana non é a única que podemos atopar no Campus de Lugo da USC, pois canda ela está presente a animal grazas ao Animalario Lugo . Neste centro universitario lévase a cabo a experimentación en pequenos animais, como roedores e coellos, e sempre coas garantías necesarias de protección e benestar segundo a normativa vixente.
A principal misión destas instalacións é que tanto particulares coma profesionais poidan completar a formación práctica esixida pola Administración para obter o certificado de capacitación profesional. A posta en marcha deste programa específico de aprendizaxe desenvolvido entre o 2019 e o 2021 contribuíu a darlle máis visibilidade ao labor do animalario no eido da experimentación.
Dende o pasado ano, preto de medio centenar de persoas de Galicia e España escolleron este centro para levar a cabo os seus traballos prácticos. Pola banda teórica, foron 150 persoas as que cursaron os módulos deste plan nas aulas da Facultade de Veterinaria da USC e onde contaron co Cebiovet para completar a parte práctica no caso de animais medianos e grandes.
Neste senso, todos os apartados deste programa contan coa titoría e supervisión dun equipo técnico especializado, e correspóndense con tres tipos de capacitacións: coidado dos animais (A), eutanasia (B) ou realización dos procedementos (C). A súa duración é variable e, en función da categoría desexada, pode ir dende as 10 ata as 55 horas por curso.
Ademais do seu papel na educación con carácter profesionalizante, o Animalario de Lugo tamén colabora con diversas empresas ou organismos públicos que precisen realizar ensaios ou procedementos con roedores e lagomorfos (coellos). Pero isto non é todo, pois ás prestacións convencionais deste servizo de grande interese hai que sumar tamén a existencia dun biomódulo para experimentar con animais illados do resto do animalario e dunha zona para traballar cos afectados por patóxenos de nivel dous.
A súa alta demanda e nivel de actividade fan que o Animalario Lugo non camiñe con dúas pernas nin con catro patas, senón que voe ben alto!