Pasar al contenido principal

O pan, de comelo a investigalo no Campus Terra

O pan, de comelo a investigalo no Campus Terra
O pan, de comelo a investigalo no Campus Terra
Unha tese de doutoramento da EPS de Enxeñaría da USC vai na procura de máis variedades locais de trigo
Lugo

No almorzo, no xantar, na merenda ou na cea; aínda quente do forno, pasadas unhas horas, ou torrado; para acompañar, acompañado ou só... infinitas son as posibilidades que admite e, ao igual que a semana pasada falabamos de que as persoas non podiamos vivir sen o sol, tampouco somos quen de facelo sen o pan.

 

Un dos motores que moven o Campus Terra é a innovación, deste xeito non só saboreamos este alimento na boca ou ulimos o seu recendo co nariz, tamén contemplamos o seu interior baixo os ollos da investigación. En concreto é Luis Urquijo Zamora quen situou o “Pan Galego”, unha Indicación Xeográfica Protexida, como centro da súa tese de doutoramento.

 

O investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) vén de presentar o seu proxecto na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo baixo o título “Estudo agromorfolóxico e caracterización das gluteninas de alto peso molecular dos ecotipos autóctonos galegos de Triticum aestivum L.”.

 

Este estudo, codirixido por Benigno Ruiz Nogueiras, profesor da EPS de Enxeñaría da USC, e Luis Alberto Oliveira Prendes, da Universidade de Oviedo, pretende darlle a volta á tendencia cara á desaparición das variedades locais nas últimas décadas e reducir o risco de que as aínda existentes poidan ser desprazadas polas dúas variedades autóctonas, Callobre e Caaveiro.

 

Na codia do seu traballo, o investigador aborda a cualificación das gluteninas de alto peso molecular como principais factores da calidade panadeira das 199 “entradas” de trigo que hai no Banco de Xermoplasma de Cereais de Inverno do CIAM. Pola outra banda, na miola reúne os datos dos ensaios de campo desenvolvidos ao longo de tres anos en Mabegondo para a caracterización agromorfolóxica, botánica e de calidade de gran de 110 ecotipos de trigo. Neste senso, a súa posterior observación permite coñecer a gran variación existente nestes, pero tamén a posibilidade de agrupar todos os ecotipos en 18 grupos máis homoxéneos.

 

Logo da súa cocción no forno, Luis Urquijo Zamora sacou un “pan” ben útil cara a un futuro proceso de homoxeneización das mellores variedades locais. Non hai dúbidas de que a súa nota de sobresaínte cum laude tamén o é para o “Pan Galego” e o bo sabor de boca que lle deixa ao Campus Terra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.