Pasar al contenido principal

Está saturado o Camiño Francés? A resposta, da man do Campus Terra

Está saturado o Camiño Francés? A resposta, da man do Campus Terra
Está saturado o Camiño Francés? A resposta, da man do Campus Terra
Unha investigación deseñada dende a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo avalía a capacidade de carga turística da principal ruta xacobea
Lugo

Sempre escoitamos dicir aquilo de que non se lle poden poñer límites ao campo, mais que ocorre cos Camiños a Santiago de Compostela? En pleno ano Xacobeo, persoal investigador da facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela vén de deseñar unha metodoloxía específica para avaliar a capacidade de carga turística da ruta maioritaria, o Camiño Francés.

 

A partir do estudo de parámetros coma a superficie dispoñible, as condicións climáticas ou as limitacións derivadas da xestión administrativa, este equipo do campus lugués liderado por Roberto Bande concluíu que as restricións impostas pola pandemia -coma o aumento da distancia interpersoal entre grupos e persoas peregrinas- reducirían ao redor dun 18% a capacidade habitual deste recurso.

 

Para obter este resultado, Bande afondou no volume de horas de luz diúrna dispoñibles cada mes, na lonxitude de etapas, na velocidade media dos peregrinos, nas temperaturas medias ou nos días de precipitación intensa, entre outras cuestións. Todos eles son factores que inflúen dun xeito directo no número de persoas que poden coincidir nun mesmo espazo.

 

Unha vez obtidas as devanditas estatísticas, actualizouse a documentación previa realizada canda o persoal investigador do Grupo de Análise e Modelización Económica da USC (GAME), un traballo para o que tamén se tivo en conta a oferta hostaleira. A este respecto, avaliouse o número de persoas que peregrinan por etapas e mes, métricas que se puxeron en relación coa oferta estimada de aloxamento nas localidades cabeceiras de etapa en Galicia.

 

Se temos en conta que a consecuencia da pandemia a caída na demanda superou notablemente á redución da oferta de prazas de acollida, o equipo da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo conclúe que non se rexistran problemas de presión malia a necesidade de irse adaptando ás restricións vixentes en cada momento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.