Pasar al contenido principal

O talento e a innovación coa pegada do Campus Terra, gañadores do Premio IdeaLugo

O talento e a innovación coa pegada do Campus Terra, gañadores do Premio IdeaLugo
O talento e a innovación coa pegada do Campus Terra, gañadores do Premio IdeaLugo
Dous alumnos do grao de Robótica do Campus de Lugo acadan o galardón co seu proxecto de intelixencia artificial aplicada á saúde e á industria alimentaria
Lugo

Non hai dúbidas de que a intelixencia artificial chegou ás nosas vidas para quedarse: listas de reprodución con recomendacións musicais segundo os gustos individuais, empregar o GPS para coñecer o estado do tráfico en tempo real, gozar da axuda dun asistente de voz para realizar distintas tarefas do noso día a día...

 

No Campus Terra acontece o mesmo: a tecnoloxía é quen de poñerse ao servizo das necesidades da sociedade grazas ao talento do alumnado da sede de Lugo da USC e visibilizalo ás marabillas no Premio IdeaLugo. Este certame, convocado polo Grupo El Progreso, en colaboración con Abanca, a USC e a Fundación CEL, leva xa sete edicións no seu camiño por recompensar a innovación e o emprendemento dos e das estudantes do Campus de Lugo.

 

Nesta ocasión, o galardón, dotado con 4.000 euros, foi para a iniciativa Peral Project, dos alumnos da primeira promoción e de terceiro curso do grao de Robótica César Abilleira e Ergin Kamberov. A intelixencia artificial é o centro deste proxecto, aplicada xunto ao big data e mais o blockchain cun dobre obxectivo: por unha banda, coidar ás persoas maiores e mellorar a súa calidade de vida; e, pola outra, ofrecer solucións á industria alimentaria na súa seguridade ao contar cunha rede de cámara para seguir a trazabilidade dos produtos.

 

O xurado do concurso coincidiu en que os traballos presentados son una mostra da sociedade na que vivimos, preocupada pola sostibilidade, o medio ambiente e os produtos de quilómetro 0. Deste xeito, ademais do primeiro premio, tamén concedeu un accésit de 1.000 euros para a iniciativa de reciclaxe de roupa Aobá Upcycling, de Silvia Fernández Domínguez, graduada en Administración e Dirección de Empresas, a enxeñeira bioquímica Diana Isabel Bustillos Ortiz, e a deseñadora de moda Carolina Patricia Rodeiro de Farias.

 

Despedir o ano con grandes proxectos onde a dixitalización e sostibilidade son protagonistas non fai máis que ratificar a grande aposta do Campus Terra pola investigación nestes eidos e a súa adaptación ás necesidades da sociedade na nosa vida actual. De seguro que a súa pegada nestes aspectos virá -aínda- con máis forza no 2022.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.