Ciclo " Escritoras na Universidade" en Ciencias da Educación (Campus Norte)

O vindeiro mércores 12 de marzo iníciase o ciclo "Escritoras na Universidade", coa visita de Helena Villar Janeiro á biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte). Esta será a primeira dunha serie de encontros con escritoras que se achegarán a biblioteca para compartir as súas experiencias no mundo da literatura e reflexionar sobre o espazo das bibliotecas como lugares de aprendizaxe. O encontro comezará ás 12 horas.
A protagonista deste primeiro encontro é escritora, cunha longa experiencia docente e na escrita e transmisión da literatura aos máis cativos. A propia Biblioteca do CEIP López Ferreiro que está á beira da Facultade de Ciencias da Educación leva o seu nome. No encontro conversarese sobre literatura e infancia, sobre a vixencia e pertinencia de ler, hoxe, con nenos e nenas, dos xeitos de contar e de explorar o mundo a través da imaxinación e da voz que nos agasalla unha historia. No marco da celebración do 8 de marzo reflexionarase tamén sobre lectura e xénero, sobre o papel da literatura nunha educación para a igualdade desde idades temperás.
O ciclo está organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura