Unha investigación do Campus Terra, premiada polo Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos
‘Monitorización integrada do fluxo de resistencias a antimicrobianos (RAM) e dianas de intervención “do medio ambiente, á granxa e á mesa”’ recibiu o premio á mellor iniciativa de investigación no marco dos galardóns que outorga o Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos (PRAN). O traballo liderado pola catedrática de Microbioloxía, Azucena Mora, e coordinado dende o Campus de Lugo, destaca pola “excelencia e o compromiso do equipo multidisciplinar de especialistas que conforman o consorcio, enfocado en combater a resistencia antimicrobiana mediante estratexias innovadoras baseadas no concepto One Health”.
A partir da hipótese de que algúns elementos clave poden ser utilizados como bioindicadores para o seguimento da resistencia aos antibióticos, o estudo do Campus Terra identifica, dende unha perspectiva integradora, dianas específicas que ofrecen un enfoque novo e multidimensional na loita contra esta ameaza. Os devantidos elementos explorados abranguen os animais de produción e produtos cárnicos derivados (avalíanse como potenciais reservorios de patóxenos resistentes), patóxenos prioritarios (E. coli e K. pneumoniae), críticos no contexto de infeccións humanas e animais; síndrome de ITU multirresistente, unha afección mortal en humanos e cans, que incrementou os desafíos para o tratamento; ou bioindicadores ambientais como o xabaril e a carne derivada da caza, xunto ao medio acuático, que reflicten a presenza de resistencia na contorna.
O proxecto premiado involucra a especialistas en diagnóstico clínico humano e veterinario, seguridade alimentaria, fauna silvestre, microbioloxía convencional, tecnoloxías ómicas e métodos alternativos aos antibióticos. Este consorcio conta coa colaboración do Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA), o Centro de Investigación Biomédica da Rioxa (CIBIR), o Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia (LASAPAGA), o Instituto Federal de Avaliación de Riscos (BfR) de Berlín, a Universidade de Copenhagen, ou o Centro de Enxeñería Biolóxica da Universidade de Minho, entre outros, cuxa infraestrutura permite unha investigación integral da resistencia.
“Este premio reafirma o valor da colaboración e a innovación na investigación da resistencia antimicrobiana, un desafío global no que a unión de ciencia e tecnoloxía é esencial”, explica a profesora Mora. O equipo de investigación inclúe recoñecidos profesionais de múltiples campos e países, facilitando o desenvolvemento de enfoques colaborativos e a transferencia de coñecementos. As entidades asociadas, como laboratorios privados para o desenvolvemento de vacinas, tamén impactan no proxecto mediante o desenvolvemento e validación de solucións innovadoras.