
A exposición 'Lorca e Galicia: 90 aniversario da primeira edición de Seis poemas galegos' bota a andar o 22 de outubro, ás 12.00 horas, no Claustro Alto do Colexio de Fonseca. O acto inaugural conta coas intervencións de Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC; Mabela Casal Reyes, directora da Biblioteca Universitaria da USC; Cristina Cabada Giadás, comisaria da exposición; e Enrique Alvarellos, editor, fondo coñecedor do vínculo de Lorca con Galicia e autor da obra Federico García Lorca en Santiago de Compostela. O acto pecharase coa lectura dos Seis poemas galegos do autor granadino, pertencente á xeración do 27.
O Colexio de Fonseca conmemora a través desta mostra o 90 aniversario da publicación dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca, destacando os dous exemplares que conserva a Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela (BUSC). Deste xeito, a exposición vincúlase co inicio do 'Día de Lorca en Galicia', proposto polo editor Enrique Alvarellos para o 25 de outubro, en lembranza da visita do poeta a Galicia. Con esta exposición, a BUSC non só quere evidenciar a importancia da devandita edición, da que a propia biblioteca universitaria posúe dous exemplares, "senón tamén as persoas e circunstancias que contribuíron a facer posible este prodixio que é a obra galega de Lorca, froito da súa especial relación coa nosa lingua e a nosa cultura".
A mostra está estruturada entorno a seis eixos: 'As viaxes: o músico vólvese poeta'; 'As amizades galegas'; 'Colaboradores directos na xénese dos Seis Poemas Galegos e na edición de 1935'; 'Relación de Lorca coa cultura galega'; 'Prodixio e misterio: falan os protagonistas' e 'No ronsel de Nós: novas edicións de Seis Poemas galegos'. Diversas vitrinas con exemplares, fotografías, ou recortes de prensa, entre outros elementos, compoñen o material exposto do que tamén forman parte diversos paneis informativos e un mapa cartográfico con bibliotecas do mundo que posúen a edición de 1935, incluíndo a procedencia dos exemplares nos casos nos que é posible.
Na exposición exhibiranse os dous exemplares que a BUSC posúe da edición prínceps dos Seis poemas galegos, así como numerosos documentos que amosan a pegada que deixou Lorca en gran parte da intelectualidade galega da década de 1930, coa que o poeta granadino se relacionou tanto en Madrid como en Galicia. Tamén están incluídas na mostra outras edicións en distintos formatos dos Seis poemas galegos que forman parte do fondo da BUSC. De especial relevancia e interese, xa que foi publicada só tres anos despois da edición de Ánxel Casal e en plena Guerra Civil, é a edición realizada en Bos Aires pola editorial Losada.
Dende a BUSC tentouse localizar exemplares da primeira edición de 1935, tanto os que están custodiados en institución públicas como os que forman parte de coleccións privadas. Se, como se pensa, da primeira edición só se tiraron douscentos exemplares teríanse localizado neste traballo un 15% do total (32 volumes). Por outra banda, se houbo unha destrución ou incautación de libros en Santiago realizada por partidarios da sublevación militar e entre eles había exemplares da obra galega de Lorca, a cifra podería ter incluso maior relevancia.
Entre os posuidores de exemplares cuxa referencia foi compilada figuran dous estreitos amigos galegos de Lorca (Carlos Martínez Barbeito e Eduardo Blanco Amor), así como outros persoeiros galegos dos que consta a súa relación directa co poeta, ben por convivir con el en Madrid (Jesús Bal y Gay), ben porque o frecuentaron nas súas viaxes a Galicia (Carvalho Calero, Francisco Fernández del Riego, Domingo García Sabell). Na nómina de posuidores figuran tamén dous galegos contemporáneos de Federico dos que non consta relación directa con el (Isidro Parga Pondal e Xosé Ramón Fernández-Oxea, popularmente coñecido como Ben-Cho-Shey). Tanto a exposición como o mapa poderán ser consultados de xeito virtual nunha guía realizada pola biblioteca e que será accesible a través de códigos QR.
A exposición pode visitarse do 22 de outubro ao 28 de novembro de 2025, en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
