A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ten como misión a transmisión e difusión do coñecemento de xeito socialmente responsable, coa finalidade de formar a futuros profesionais con profundos coñecementos teóricos e prácticos, capaces de xestionar todo tipo de empresas (públicas, privadas, industriais ou de servizos), satisfacendo as necesidades do mercado laboral neste ámbito, e comprometidos co desenvolvemento socioeconómico sostible mediante programas de ensino de calidade.
Ademais, é unha facultade comprometida coa investigación para mellorar a comprensión da realidade económica e favorecer o progreso da sociedade.
A súa visión é:
- Manter un forte compromiso coa formación de máxima calidade, propoñendo unha oferta de estudos adaptada ás necesidades do tecido empresarial e da sociedade en Xeral.
- Establecer vínculos de colaboración co mundo empresarial co obxecto de mellorar a formación académica do alumnado e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.
- Promover unha investigación orientada á transmisión de coñecementos para mellorar o desenvolvemento económico e social da nosa contorna.
- A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais dirixe os seus esforzos cara á plena consecución da satisfacción das necesidades e expectativas de todos os seus grupos de interese, comprometéndose a empregar todos os recursos técnicos, económicos e humanos á súa disposición, sempre dentro do estrito cumprimento dos requisitos legais aplicables.
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais réxese polo compromiso cos seguintes principios éticos e profesionais:
- Responsabilidade cara o estudantado e a sociedade: proporcionando unha formación dirixida á excelencia que cumpra coas necesidades e expectativas dos nosos usuarios e da sociedade no seu conxunto.
- Integración, participación e igualdade: esta Facultade establece como un dos principios clave da súa política, que tódalas necesidades dos seus grupos de interese sexan atendidas, habilitando numerosas vías de manifestación de opinións, desacordos e protestas, e que todos participen no desenvolvemento da Facultade a través das múltiples vías establecidas para iso, nomeadamente mediante a ampla representación nos diferentes órganos de xestión; garantindo en suma a accesibilidade, a participación e a igualdade. A Facultade está comprometida cunha xestión baseada no diálogo, a participación, a confianza e a responsabilidade compartida.
- Orientación ao alumnado: este centro garante no seu programa formativo a orientación ao alumnado, entendendo que é o principal receptor deste. O coidado da figura do alumnado titor, a incentivación da designación de alumnado representante nos órganos de goberno do centro, a designación de delegados de curso, así como o desenvolvemento intensivo e extensivo da coordinación docente, así o atestigua.
- Transparencia: esta Facultade basea a xestión do seu programa formativo na transparencia nos seus resultados e na difusión destes aos seus grupos de interese e á sociedade en xeral. Todo o cal pode apreciarse no uso dado á nosa web, como principal ámbito de publicación de datos relativos aos indicadores de calidade, e mesmo no carácter preciso e transparente das nosas Memorias anuais de calidade.
- Excelencia: o traballo desta Facultade realízase tendo como meta alcanzar a excelencia que marcan os principais modelos de calidade universitaria e as principais Escolas e Facultades recoñecidas, tanto no entorno do SUG, como nos contextos español e europeo.
Con este marco, e tomando como referencia a política de calidade da USC, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais márcase como principal meta o desenvolvemento de programas formativos actualizados e socialmente relevantes, que estean avalados por unha xestión de calidade, a través dos seguintes obxectivos:
- Planificar os seus estudos facendo o uso máis eficaz posible dos recursos, humanos e materiais, dispoñibles.
- Garantir o desenvolvemento dos programas formativos cunha orientación aos/ás estudantes, manifestada con actividades de orientación ao inicio, durante e ao final dos estudos, atención á diversidade e necesidades especiais, oferta de actividades para a consecución de competencias transversais, fomento das prácticas externas, e fomento da mobilidade.
- Atender á mellora das condición dos distintos colectivos de traballadores que conforman a Facultade, impulsando unha dotación de persoal suficiente así como o adecuado recoñecemento da súa actividade, fomentando a formación continuada do profesorado e do PAS, e facilitando, na organización do traballo, a conciliación entre a vida persoal e laboral.
- Asegurar a calidade nos recursos materiais e servizos, mediante un adecuado mantemento e renovación de equipos e instalación que permitan estar ao nivel requirido polos programas formativos en canto a equipamento científico, TICs, novos recursos para a aprendizaxe, atención aos protocolos de prevención de riscos e seguridade laboral, así como ás necesidades relativas á accesibilidade e integración de persoas con necesidades especiais.
- Utilizar a avaliación e seguimento dos resultados da formación e do sistema de garantía de calidade para a actualización e mellora dos procesos formativos, mediante a análise da consecución dos resultados da aprendizaxe, a adecuación das competencias ao exercicio profesional, a satisfacción dos grupos de interese, a análise da eficacia dos procedementos e as incidencias e suxestións dos grupos de interese.
- Garantir a dispoñibilidade pública de toda a información relevante para os grupos de interese en relación coa oferta formativa da Facultade, co fin de facilitar a toma de decisión informada e de posibilitar a súa participación nos procesos de mellora.
A dirección desta Facultade adquire o compromiso permanente coa mellora continua do seu programa formativo.