Ir o contido principal

Bernard L. Feringa

Universidade de Groningen (Países Baixos).
Premio Nobel de Química 2016.

Bernard L. Feringa

Premio Nobel "polo deseño e síntese de máquinas moleculares".

Ben Feringa naceu en Barger-Compascuum (Países Baixos) en 1951, onde a súa familia tiña unha granxa. Estudou na Universidade de Groningen (Países Baixos), onde recibiu o seu doutoramento en 1978. Despois dalgúns anos na compañía petroleira Shell, estivo afiliado dende 1984 á Universidade de Groningen, onde é catedrático de química.

É un pioneiro no deseño e a síntese de máquinas moleculares, é dicir, moléculas que poden actuar coma máquinas de tamaño nanométrico. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. O profesor Feringa demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución, conectando selectivamente átomos e fragmentos moleculares.

O traballo do profesor Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais, que teñen o tamaño dunha millonésima parte dun milímetro, considérase o traballo clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular. Demostrou que estes motores moleculares poden funcionar mentres están conectados a unha superficie e que o seu movemento pode mesmo desprazar obxectos macroscópicos. Tamén deseñou un "·nanocoche", isto é, un composto nanométrico que contén catro motores moleculares coma rodas e que se pode mover sobre unha superficie ao ser sometido a un estímulo externo.

Conferencia de Bernard L. Feringa. Programa ConCiencia 08/05/2019

Novas relacionadas