Premio Nobel "por esclarecer a estrutura cuántica das interaccións electrodébiles en física".
Este home, que de pequeno lle dixo a un profesor que de pequeno quería ser “unha persoa que o soubese todo”, é considerado, sen lugar a dúbida, un dos físicos teóricos más brillantes das últimas décadas. De familia erudita ata a médula, tivo mesmo un tío-avó Premio Nobel de Física.
Recibiu o premio Nobel en 1999 por esclarecer a estrutura cuántica da interacción electrodébil. A chamada interacción débil é unha das catro interaccións fundamentais da natureza e é responsable de gran cantidade de procesos radiactivos que, por exemplo, manteñen en funcionamento os ciclos do Sol. A última peza clave da teoría electrodébil, o chamado bosón de Higgs podería ser descuberto no gran colisionador de hadróns do CERN.
A enorme contribución de 't Hooft consistiu en crear un formalismo que permite comprender con gran rigor e precisión os procesos nos que intervén esta interacción.
Pero de ningún xeito esta foi a única contribución de 't Hooft á física. Os seus traballos tamén permitiron, por exemplo, tratar problemas relacionados coa interacción forte, como o confinamento dos quarks, que son partículas que constitúen os protóns e neutróns e, por tanto, son algúns dos ladrillos básicos dos que está formada toda a materia. 't Hooft investigou case tódolos grandes enigmas formulados no eido das partículas elementais, contribuíndo a resolver moitos deles, e segue a traballar activamente en posibles respostas para as cuestións que aínda esperan solución.