O Premio Abel, outorgado polo rei de Noruega á imaxe e semellanza dos Premios Nobel en Suecia, premia aos mellores matemáticos do mundo (non hai Premio Nobel de Matemática).
O xurado que concedeu o Abel a Lax en 2005 fíxoo "polas súas rachadoras contribucións á teoría e aplicación de ecuacións diferenciais parciais e a computación das súas solucións".
De tódolos xeitos, de Lax abonda dicir que é un dos principais prodixios matemáticos so século XX, considerado o "matemático máis versátil da súa xeneración", con contribucións seminais a moitas ramas da matemática e tamén un dos fundadores da matemática computacional moderna.
A sua vida científica é apaixoante: húngaro de orixe, foi perseguido polos nazis na súa adolescencia e rematou nos Estados Unidos onde foi descuberto por outro gran científico de orixe húngaro: John von Neumann, que fixo del o seu protexido ao decatarse das súas prodixiosas capacidades, presentoullo a Albert Einstein e introduciuno na elite científica dos EE.UU.
En 1945, con tan só 19 anos, o mozo Peter Lax integrábase no famoso Proxecto Manhattan, que construiu a primeira bomba atómica (el adicouse ao transporte de neutróns). Posiblemente sexa dos últimos científicos que participaron naquel proxecto que quedan con vida.