Premio Nobel “polo seu traballo pioneiro no descubrimento dun novo tipo de partícula elemental pesada”.
Descubriu en 1974 a partícula J/psi, o primeiro estado composto formado por quarks e antiquarks pesados, e revolucionou a física de partículas, por ser absolutamente inesperada a longa vida destes estados. Existen poucos exemplos de tal rapidez na adxudicación do Nobel, tan só dous anos trala realización do experimento. A comprensión que hoxe temos do fenómeno céntrase na libertade asintótica, ou capacidade que teñen os quarks de interaccionar moi débilmente a distancias moi curtas.
Samuel Ting é un dos iniciadores dos grandes experimentos en física de partículas que coñecemos hoxendía. Realizou o experimento MARK J no acelerador PETRA de Hamburgo, onde se descubriu o gluón como partícula real e se tiveron os primeiros datos sobre a existencia do bosón Z a través da súa interferencia co fotón. Posteriormente dirixiu un dos 4 experimentos do acelerador LEP no CERN (L3), cunha significativa participación española, onde se puxo de manifesto a existencia de só 3 xeracións de neutrinos lixeiros, e se acadaron as cotas esencialmente vixentes na actualidade para a exclusión do bosón de Higgs, ao inicio do LHC.
Desde principios dos 90, dirixiu o experimento espacial AMS, dedicado á búsca de antimateria no espazo exterior. A segunda fase deste experimento inclúe o seu lanzamento desde o Kennedy Space Center no transbordador espacial Endeavour, o próximo mes de febreiro, rumbo á Estación Espacial Internacional, na que será a última misión da historia dos transbordadores espaciais, que comezara en 1981 co lanzamento do Columbia.
O Profesor Ting foi sempre un defensor da busca radical de novos avances en Física e da simplicidade intrínseca dos grandes descubrimentos, cultivando sempre a excelencia experimental.