Ir o contido principal

Tomas Lindahl

Instituto Francis Crick (Reino Unido).
Premio Nobel de Química 2015.

Tomas Lindahl

Premio Nobel de Química en 2015 "polos seus estudos mecanísticos da reparación de ADN".

Nado en Estocolmo, Suecia, en 1938, Tomas Lindahl estudou medicina no Instituto Karolinska, onde desenvolveu o seu interese pola bioquímica e se doctorou en 1967. Durante a súa etapa postdoutoral nas Universidades de Princeton (Nova Jersey) e Rockefeller (Nova York), decatouse de que os ARN transferentes, uns pequenos ácidos nucleicos implicados na fabricación de proteínas, se degradaban espontaneamente ao seren quentados. Esta observación marcaría a súa futura carreira científica, xa que se preguntou se o ADN, o ácido nucleico que codifica a nosa información xenética, podería sufrir unha descomposición semellante. Tras volver a Suecia como profesor de química médica e fisiolóxica á Universidade de Gothenburg, o traballo pioneiro de Lindahl demostrou que o ADN é unha molécula intrinsecamente inestable, levándoo a postular que as células deben contar con sistemas de reparación eficientes que aseguren o mantemento da súa estabilidade xenómica. Nos seguintes anos, o seu laboratorio identificou numerosas enzimas de reparación, o que lle permitiu definir e reconstituír o mecanismo universal de reparación por escisión de bases. As contribucións de Lindahl permitiron abrir un novo campo de investigación con profundas implicacións na nosa comprensión da bioloxía molecular básica e da aparición de enfermidades xenéticas, así como no desenvolvemento de novas terapias antitumorais.

Ademais dos seus logros científicos, tamén debe recoñecerse o mérito de Tomas Lindahl na concepción dos laboratorios de Clare Hall, dos que foi o seu primeiro director desde 1986 ata 2005. Baixo o seu liderado, este pequeno centro de investigación ao norte de Londres converteuse nun dos centros de referencia a nivel mundial no estudo dos tres erres do metabolismo do ADN: Reparación, Recombinación e Replicación.

Na actualidade, Tomas Lindahl continúa como científico emérito no Instituto Francis Crick de Londres. Ademais do premio Nobel, Lindahl recibiu outros premios de gran relevancia, como a Medalla Real da Royal Society en 2007, o Prix Etranger do INSERM (2009) e a Medalla Copley da Royal Society en 2010, o galardón científico máis antigo do mundo.

Conferencia de Tomas Lindahl. Programa ConCiencia 20/11/2019

Novas relacionadas