Ir o contido principal

Exposición. Biblioteca de Bioloxía

‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’

07.05.2025-19.05.2025 | 08.30h-20.00h

Biblioteca da Facultade de Bioloxía

A biblioteca da Facultade de Bioloxía acolle a exposición itinerante “8 mulleres galegas que moveron os marcos”, que permanecerá na sala de lectura da biblioteca do 7 ao 19 de maio

A mostra está acompañada dunha liña temporal que achega máis información sobre cada unha das mulleres presentes na exposición
A mostra está acompañada dunha liña temporal que achega máis información sobre cada unha das mulleres presentes na exposición

Do 7 ao 19 de maio a exposición "8 mulleres galegas que moveron os marcos" estará na Facultade de Bioloxía. Dentro da propia biblioteca exporanse unha serie de libros dalgunha destas mulleres e unha liña temporal que coloca ás mulleres destacadas cronoloxicamente, mostrando unha breve descrición de cada unha delas xunto co código QR a súa ficha na guía Exposición 8 mulleres galegas que moveron os marcos.

A mostra é unha iniciativa da Biblioteca Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela, que presenta oito personalidades galegas, de nacenza ou adopción, que foron pioneiras dalgún xeito naqueles eidos nos que desenvolveron a súa actividade. Son mulleres con moi diversas traxectorias vitais, cuxo denominador común é ter sido quen de internarse en territorios reservados, polo común, aos homes. 
  
Unha gaiteira, unha actriz e unha aviadora camiñan á par dunha matemática e dunha xornalista. E non por azar son mestras tituladas as outras tres mulleres do grupo, aínda que as sendas que transitaron leváronnas máis alá dese espazo profesional xa permitido ás mulleres do seu tempo.
As protagonistas da mostra son:

  • María Luz Morales, primeira directora dun xornal en España.
  • María Barbeito, educadora que achegou precozmente ao noso país as máis modernas teorías pedagóxicas que se estaban a xestar en Europa.
  • Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora dun dispositivo precursor do libro electrónico.
  • Elisa Patiño, a primeira aviadora galega e unha das primeiras en Europa.
  • Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira da que temos noticia.
  • Concepción Pérez Iglesias, tamén mestra, primeira alcaldesa de Galicia e unha das primeiras de España.
  • María Wonenburger, investigadora en álxebra e primeira muller española que obtivo unha bolsa Fullbright.
  • Maruxa Villanueva, actriz, cantante e emprendedora teatral en Galicia e alén do Atlántico.

Podes atopar máis información na guía virtual da BUSC sobre a exposición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2025.