A Orquestra da USC ten por obxectivo impulsar entre os mozos e mozas universitarios e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural que ten a música como eixe central. É un proxecto educativo musical da Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura no que poden participar aquelas persoas que teñan coñecementos dun instrumento orquestral.
Ao abeiro da Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, e baixo a dirección de Mario Diz, a Orquestra da USC procura a formación musical dos seus membros quen, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música.
A USC recoñece a participación na Orquestra da Universidade a efectos de créditos ECTS, en todas as titulacións de Grao, para o estudantado da USC que estivese matriculado nun grao no momento de participar na orquestra (Acordo do Consello de Goberno do 31-10-2013) e recibirán a tal efecto un certificado de crédito, sempre e cando cumpran coa asistencia ao 80% das horas lectivas do curso, coa seguinte equivalencia: 1 crédito por cada curso de 25 horas de duración (máximo 6 créditos en total).
A permanencia como membro e/ou participante da Orquestra da USC supón o coñecemento e aceptación destas normas.
A Orquestra da USC resérvase o dereito de modificar ou engadir novos epígrafes a estas normas, se así o estima oportuno, poñéndoo en coñecemento daqueles integrantes participantes no proxecto.
Descrición do proxecto e normas de funcionamento
Normas e funcionamento da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela e regulamento interior que é de obrigado cumprimento por todas as persoas participantes.
Descrición do proxecto orquestral
A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela é un proxecto educativo e cultural promovido dende a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, onde poderán participar aquelas persoas que saiban tocar un instrumento orquestral, aqueles participantes deberán amosar os seus coñecementos instrumentais nunha proba inicial.
Poderán participar todos aqueles membros da comunidade universitaria da USC, alumnado estudante de música ou persoas da cidadanía que superen as probas de selección habilitadas para a ocasión.
A OUSC permanecerá activa durante o período de calendario académico vixente en cada tempada, con ensaios ordinarios semanais os martes lectivos de 21:30 h a 23:30 h, ademais de ensaios extraordinarios que se programen. Permanecerá exclusivamente sen ensaios durante os períodos de exames indicados no calendario académico oficial.
Nos ensaios promoverase unha atención didáctica e formativa apoiada por profesorado especializado engadido ao proxecto eventualmente.
Participarase con diversos concertos públicos incluídos como culminación da realización de tres programas repartidos ao longo do curso académico (Programa de Outono, Inverno e Primavera) desenvolvendo ademais encontros intensivos de ensaios na fin de semana anterior a cada concerto e con horario variable.
Ademais, organizarase o Programa de Verán, programa extraordinario no que as persoas integrantes da OUSC terán preferencia de participación pola súa condición de participantes activos durante o curso académico presente en cada convocatoria.
A Orquestra da Universidade tamén organizará, se é o caso, outras actividades referentes ao proxecto educativo musical que desempeña: apertura ou clausura do curso académico, día europeo da música, xiras e concertos que promovan a relación entre comunidades educativas ou culturais dentro e fóra do Estado, entre outras.
Outras actividades ou programas incluídos na OUSC que serán descritos deseguido son:
- Universitas Música: Programa de música de cámara onde os integrantes da OUSC poden participar recibindo clases maxistrais do profesorado da OUSC, participando en actos académicos ou de relevancia institucional dentro da USC e en concertos públicos.
- Concurso Bienal de Composición Amador: Programa que dá a oportunidade a xoves estudantes de composición de poder debutar cunha formación sinfónica.
- USC Classics: Programa que ofrece a posibilidade de participar como solista coa orquestra a persoas que desenvolveron carreira artística musical e/ou estudantes noveis en situación de promoción por excelencia musical, así como cunha convocatoria interna para que poidan participar como solista calquera membro activo durante a súa estancia no proxecto orquestral.
Normativa de participación
Poderán participar as persoas que cumpran os seguintes requisitos mínimos:
- Membros da comunidade universitaria da USC que teñan coñecementos previos de tocar un instrumento pertencente ao elenco instrumental incluído no proxecto educativo da OUSC.
- Estudantes de música de centros de ensino regulados ou non.
- Calquera persoa que teña coñecementos instrumentais.
- En calquera dos casos anteriores ter cumpridos os 16 anos de idade.
Todos deberán axustarse ao seguinte procedemento:
- Amosar o seu nivel instrumental nas audicións convocadas anualmente co fin de delimitar o nivel mínimo que garante unha participación axeitada ao nivel xeral da agrupación.
- Estas probas convocaranse ao inicio do curso académico como convocatoria ordinaria cunha temporalidade limitada. Con opción a participar presencialmente ou a través dunha gravación de vídeo a través das diferentes plataformas que permitan a visualización da mesma (youtube, dropbox, wetransfer, etc.) da que se achegará URL ou arquivo para descargar vía mail a: orquestra.universidade [at] usc.es (universidade[at]usc[dot]es), todo será supervisado por unha comisión que será a encargada de decidir a consecución das mesmas.
- As probas consistirán na execución de dúas pezas ou movementos a libre elección do aspirante, e un fragmento para ler a primeira vista achegada pola comisión seleccionadora no propio momento da proba, deixando 2 minutos ao aspirante para ver a partitura en silencio sen posibilidade de tocar. Na modalidade de vídeo a lectura a primeira vista descargarase a tempo real do website da OUSC. As probas son sen pianista acompañante.
- Os aspirantes que non se axusten aos tempos e normas de presentación serán desestimados.
- Unha vez realizadas as probas comunicaranse os resultados nas diferentes plataformas de difusión das que dispón a OUSC.
- Os participantes que superen estas probas pasarán a considerarse activos e desfrutarán de todos os beneficios como tal. Tamén deberán axustarse a cumprir con todas as normas e deberes descritos no presente documento deseguido e tamén as que se poidan definir ao longo do transcurso como integrante da OUSC.
- Os que non superen as probas poden ser incluídos nunha listaxe de agarda a consideración pola comisión de selección, co fin de que poidan substituír ou engadirse aos programas que se lles ofreza
- Convocarase as especialidades instrumentais con prazas vacantes nunha seguinte convocatoria de carácter permanente onde futuros aspirantes poderán presentarse na modalidade de vídeo e ser incluídos nos seguintes programas que se elaboren ao longo do curso académico. Aqueles seleccionados nesta modalidade participarán como non activo ata o seguinte curso académico con promoción directa a participar como integrante activo.
- Os integrantes activos poderán participar un máximo de dous cursos académicos con opción a prórroga sempre e cando as prazas quedaran desertas posteriormente.
- As persoas que formaron parte na OUSC en períodos anteriores e desexen reincorporarse á mesma, poderán facelo no caso de que queden prazas vacantes despois da convocatoria ordinaria, non sendo necesario a realización de proba. No caso de que non quedasen prazas vacantes, pasarían á lista de reserva en primeiro posto.
- Os integrantes activos que cursen estudos na USC poderán optar a créditos ECTS, catro no primeiro ano ate un máximo de 6 no segundo curso, sempre e cando cumpran a normativa de asistencia e de réxime interno descrito de seguido.
- Os integrantes que sexan admitidos na convocatoria permanente son considerados non activos durante o curso presente de admisión, polo que non poderán optar a créditos, pero igualmente non correrá como integrante activo polo que se considerará como activo no seguinte curso académico cursado.
- Despois de ter participado o máximo de dous cursos académicos como activo o participante poderá prorrogar a súa estadía no proxecto sempre e cando exista vacante na súa especialidade instrumental despois de ser convocada a praza vacante. Se se dá esta condición pode renovarse a súa estadía indefinidamente revisada convenientemente en cada inicio de curso.
O elenco instrumental incluído no proxecto da OUSC é: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagote, trompa, trombón, trombón baixo, tuba, percusión, piano e arpa.
Normas de funcionamento da OUSC
1. Referente ás probas de admisión.
- En cada inicio do curso académico ábrese convocatoria pública de audicións das prazas vacantes.
- Aquelas persoas presentadas ás probas públicas de admisión poderán: ingresar no proxecto directamente, pasar a formar parte dunha lista de agarda como membros reserva, ou quedar excluídos, segundo determine a comisión seleccionadora.
- A comisión seleccionadora estará formada polo menos por tres integrantes convidados para a ocasión, participando entre eles o director da OUSC.
2. Referente á asistencia aos ensaios semanais.
- Serán de obrigada asistencia os ensaios semanais salvo se extraordinariamente se programan ensaios parciais ou seccionais que exclúan a parte do elenco da orquestra.
- Poderá haber ausencias previamente xustificadas e en ningún caso superar o 15% de faltas (xustificadas) respecto á totalidade dos ensaios por curso (+/- 3 faltas por cuadrimestre). De ser así, o membro residente perderá a posibilidade de acadar os créditos universitarios e, de ser reiterativa a falta, o membro poderá ser excluído da participación no proxecto da OUSC irrevogablemente.
- A OUSC poderá propor a candidatos presentados se así o estima oportuno por razóns de necesidades instrumentais por programa de concerto, e reservase o dereito de permitir participar nos ensaios semanais a aqueles participantes que así o soliciten e cunha xustificación pero en ambos casos non poderán acadar créditos universitarios.
3. Referente á asistencia aos encontros orquestrais.
- Os integrantes están obrigados a participar en todos os encontros aos que sexan convocados pola OUSC, ou perderán o seu estatus para converterse en membros de agarda.
- A OUSC non está obrigada a convocar a todos os membros á totalidade dos encontros do curso.
- Os membros de agarda están obrigados a participar nos encontros aos que sexan convocados, no caso de non poder asistir perderán a posición gardada a prol dos seguintes na listaxe.
4. Referente á puntualidade
- Os membros deberán encontrarse no lugar designado para os ensaios polo menos 15 minutos antes do inicio efectivo do ensaio ou proba acústica no caso dos días de concerto.
- Para os concertos, os membros deberán presentarse polo menos con 30 minutos de antelación ao mesmo, se estes carecen de proba acústica.
- No caso de que se programe un desprazamento en autocar, os membros deberán presentarse no lugar indicado polo Espazo de Cámara da USC polo menos 15 minutos antes da saída.
5. Referente ao vestiario
- Os membros deberán vestir camisa, pantalón e zapatos negros (homes) e igualmente ou vestido e zapatos negros (mulleres) en todas as actuacións programadas.
6. Referente a faltas leves e faltas graves
- A OUSC poderá tomar medidas contra aqueles membros que incorran no incumprimento desta normativa. Establécense faltas leves e faltas graves.
Faltas leves:
- Falta de puntualidade a ensaios, concertos ou desprazamentos, inferiores a 15 minutos.
- Falta ás normas de vestiario.
- Reiteración evidente de falta de coñecemento do repertorio a interpretar.
Faltas graves:
- Falta de puntualidade a ensaios, concertos ou desprazamentos, superiores a 15 minutos.
- Ausencia inxustificada a ensaios, concertos ou desprazamentos.
- Mal comportamento durante os ensaios ou concertos e/ou faltas cara un compañeiro compoñente da Orquestra.
A OUSC resérvase o dereito de considerar como falta leve ou grave, calquera suceso non contemplado neste regulamento interno.
A acumulación de tres faltas leves ou dúas graves poderá levar á expulsión inmediata do membro ou, no seu caso, á perda da posibilidade de créditos universitarios.
Área de Cultura
- Colexio San Xerome
- Praza do Obradoiro s/n., 15782Santiago de Compostela
- 881 811 018
- 881 811 103
- area.cultura [at] usc.gal
Área de Cultura
- Edificio Intercentros
- Rúa Bernardino Pardo Ouro, s/n. Campus Universitario, 27002Lugo
- 982 821 513
- cultura.lugo [at] usc.es
Novas relacionadas
Aberto ata o 22 de setembro o prazo de inscrición na Orquestra e no Coro da USC para o novo curso
A convocatoria para instrumentistas require o envío dun vídeo, mentres que a selección de voces terá lugar o martes 24 de setembro en Ciencias da Comunicación
Ler máisAbre a inscrición para participar no Encontro de Verán da Orquestra da Universidade
Dirixido á mocidade estudantil de música ou que acredite un nivel de coñecemento suficiente, o encontro será en Santiago do 29 de xullo ao 4 de agosto
Ler máisCoro e Orquestra da Universidade afinan un proxecto pedagóxico común
Os dous colectivos realizaron o pasado 17 de decembro na Igrexa da Universidade a súa primeira actuación conxunta que xa pode verse na canle oficial de YouTube da USC
Ler máisA Orquestra da USC selecciona instrumentistas para o novo curso
A convocatoria diríxese a intérpretes de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón, trombón baixo , tuba, percusión, piano, cravo e arpa
Ler máis