Skip to main content

O reitor preside en Cáceres o Plenario da Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas

O reitor Juan Casares asiste estes días na Universidade de Estremadura ao pleno da Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas (CICUE) da que é presidente. A xuntanza comezou este xoves 21 cos debates de dous grupos de traballo dedicados á análise da situación actual da cooperación universitaria ao desenvolvemento e sobre mobilidade. No programa tamén se inclúe a intervención do profesor e experto do Consello de Cooperación, Carlos Mataix, coa conferencia ‘A cooperación ao desenvolvemento como oportunidade para a innovación e a internacionalización das universidades’. A xornada continúa pola tarde coa reanudación das xuntanzas do grupo de cooperación ao desenvolvemento e o inicio das relativas a internacionalización. O comisionado do Espazo Iberoamericano do Coñecemento (EIC), Félix García Lausín, dará conta deseguido das particularidades deste marco xeográfico. A xornada do venres 22 estará dedicada a un encontro con expertos de Bolonia e máis concretamente á internacionalización da educación superior, tema sobre o que se achegarán diferentes perspectivas que ilustren a experiencia europea e norteamericana. Por la tarde, revisarase a estratexia para a internacionalización das universidades de España e o proxecto de expertos de Bolonia de España. Estes dous días de xuntanza en Cáceres rematarán co pleno desta Comisión da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE).

The contents of this page were updated on 11.21.2013.