Skip to main content

Un curso mostrará as particularidades da fotografía da natureza

Un curso mostrará as particularidades da fotografía da natureza
Un curso mostrará as particularidades da fotografía da natureza

A Fundación USC Deportiva organiza a segunda edición do Curso de Fotografía da Natureza a celebrar os días 18, 20 e 25 de outubro. A intención é que as persoas afeccionada a saír ao monte coas súas cámaras, coñezan as pautas básicas da fotografía de natureza, dende a fotografía de paisaxe á de plantas e animais. Sempre a través de imaxes, ensinaranse as técnicas máis utilizadas polos fotógrafos de natureza, das cales algunhas se poderán aplicar na próxima saída que fagan ao monte e outras, as máis complicadas de aplicar por cuestión de equipo ou dificultade, que se ben non se utilizarán nun primeiro momento, serviranlle para entender como se fan as imaxes que se ven a diario en revistas ou Internet. O curso contará cunha sesión teórica na que se revisarán as principais técnicas e diferentes tipos de fotografías da natureza, preparando deste xeito a saída de campo a celebrar na segunda sesión, unha ruta guiada por persoal especializado co obxectivo de aplicar todas as técnicas posibles das vistas na xornada de teoría. Para completar o período formativo procederase á visualización das imaxes captadas por cada alumno/a. O temario do curso constrúese a partir dun bloque temático de introdución, con referencia ás características xerais do concepto de fotografía de natureza e tomando como referencia a experiencia e coñecemento do alumnado. Completarase tratando cuestións relativas á paisaxe, a fotografía da fauna, técnica de achega aos animais, tipoloxía de animais, vestiario e equipo a utilizar, o emprego do macro e as particularidades da vexetación. O curso impartirano Andrés Fraga, quen leva máis de 10 anos traballando como fotógrafo profesional en publicacións como El Pais e para varias revistas estranxeiras. Compaxina o seu traballo coa docencia, impartindo cursos e conferencias, ademais de ser profesor de Fotografía Contemporánea na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Foi un dos membros do proxecto 6MPasos, que en 2010 percorreu a pé os 6.000 quilómetros que separan o Nordkapp (Noruega) de Compostela. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web da Fundación USC Deportiva (http://fundacionuscdeportiva.org/).

The contents of this page were updated on 10.04.2013.