Skip to main content

Comezan outros seis cursos da oferta formativa da USC para esta verán

Comezan outros seis cursos da oferta formativa da USC para esta verán
Comezan outros seis cursos da oferta formativa da USC para esta verán
As cidades de Santiago e Lugo acollerán dous cursos cada unha, mentres que os outros dous se desenvolverán nas localidades pontevedresas de Lalín e Vilagarcía de Arousa

O martes 17 dan comezo outros seis cursos da USC integrados na oferta da Universidade de Verán da institución, logo dos once inaugurados o luns 16. Durante o resto da semana aínda se iniciarán outras catro actividades formativas máis, tres o día 18 e unha o 19. Santiago de Compostela Ás 10.00 horas terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Dereito de Santiago a inauguración do curso Cooperación policial e xudicial internacional: aspectos civís e penais, dirixido Raquel Castillejo Manzanares, catedrática de Dereito Procesual da USC, interveñen no acto a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; a fiscal de sala de Cooperación Penal Internacional Rosa Ana Morán Martínez; e a directora do curso. E ás 16.00 horas celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Filosofía o acto inaugural do curso Seminario de biopolítica, dirixido por Óscar Rodríguez de Dios, quen será tamén o encargado de iniciar oficialmente a actividade. Lugo O Salón Rodríguez Mourelo da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo será a sede do curso Seguridade viaria, que se inaugura o martes 17 ás 9.30 horas e que está dirixido polo catedrático de Química Física da USC José Vázquez Tato. Tamén ás 9.30 horas celebrarase o acto inaugural do curso Razas de cans autóctonas de Galicia, dirixido polo secretario do Ibader, Antonio Iglesias Becerra, e o veterinario da Xunta de Galicia Jesús Cantalapiedra Álvarez. Esta actividade desenvolverase no edificio Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus de Lugo, e na inauguración participan o vicerreitor de Planificación e Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e representantes da Consellería de Medio Rural, Deputación Provincial de Lugo e do Club Can de Palleiro. Lalín e Vilagarcía de Arousa O Auditorio Municipal de Lalín acolle o curso de verán Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: educar na comunicación igualitaria, dirixido pola profesora da USC Mª José Méndez Lois e o técnico en Igualdade do Concello de Lalín, Celso Taboada Lorenzo. A actividade inaugúrase o martes 17 ás 9.30 horas nun acto que contará coa presenza da vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e o alcalde do Concello de Lalín, José Crespo Iglesias. Está tamén prevista a presenza da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e do director xeral da Fegamp, José Manuel Chapela Seijo. Ás 10.00 dará comezo na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa o curso Aspectos ecotoxicolóxicos das floracións de cianobacterias en augas continentais, dirixido por Fernando Cobo Gradín (director da Estación de Hidrobioloxía da USC ‘Encoro do Con’) e Francisco Menéndez Iglesias (presidente do Organismo Autónomo Augas de Galicia). No acto de inauguración intervirá, ademais dos directores do curso, o alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole Díaz. Cursos xa iniciados Entrementres, continúan os cursos que se iniciaron o luns 16: Educación e cultura marítima en Galicia (Ribeira); e O medio ambiente en Galicia. Unha visión multidisciplinar, Elaboración de traballos académicos e presentacións con látex, Fronteiras da fotónica e tecnoloxías láser, Química: a ciencia que envolve a nosa vida, Single cell analysis: new approaches in biomedical omics (todos eles en Santiago de Compostela). Na provincia de Lugo continúan as seguintes actividades: Produción agroecolóxica (Ribadeo), Alimentación e actividade física: a súa importancia no proceso de atención a persoas afectadas por cancro (Guitiriz), O desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo: sectores forestal, agropecuario e de servizos (Sarria), Retos e oportunidades para as novas xeracións de profesionais veterinarios e Ferramentas para a formulación e avaliación de proxectos (estes dous últimos en Lugo cidade). Outras actividades para esta semana O mércores 18 darán comezo outros tres cursos: Seguridade alimentaria e nutrición: actualidade e novos enfoques (Lugo), A paisaxe nas ciencias, nas artes e nas letras (Guitiriz) e Arte e patrimonio na Mariña luguesa: un motor para o desenvolvemento comarcal (Ribadeo). Aínda nesta semana, o xoves 19 iníciase o curso Aprender en comunidade: estratexias educativas en tempos de crise económica e social (Santiago de Compostela).

The contents of this page were updated on 07.16.2012.