Skip to main content

Trócanse horas de estudo por euros para proxectos solidarios

Trócanse horas de estudo por euros para proxectos solidarios
Trócanse horas de estudo por euros para proxectos solidarios
O recadado na X Olimpíada Solidaria de Estudo dedicarase a reconstruír escolas no Congo

A comunidade universitaria da USC terá a posibilidade de colaborar na reconstrución de 14 escolas de Kivu Sur, na República Democrática do Congo. Poderá facelo se do 5 de novembro ao 5 de decembro se achega ás 18 salas de estudo e bibliotecas que en Santiago e Lugo a USC pon a disposición da X Olimpíada Solidaria. O procedemento é sinxelo: cada hora de estudo nas bibliotecas e salas habilitadas para o proxecto correspóndense con 1 euro. Cando a persoa entra e sae da sala debe introducir a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) no ordenador preparado ao efecto, sempre tendo en conta que non se computarán períodos superiores ás catro horas consecutivas e menores a unha hora A actividade, organizada pola ONGD Coopera e Cooperación Internacional e que conta co apoio da USC a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria, pretende cada ano recadar fondos para un proxecto educativo concreto. Tamén nesta ocasión a institución compostelá buscará volver ser a primeira en número de cartos recadados, como a pasada edición na que a USC achegou 19.583 euros. En Santiago colaboran coa iniciativa as Bibliotecas Xeral e Concepción Arenal e as salas de estudo das Facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Económicas e Empresariais, Farmacia, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía, Química, Xeografía e Historia e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Para trocar horas de estudo por euros en Lugo as persoas interesadas deben acudir á Biblioteca Intercentros ou ás Facultades de Formación do Profesorado e de Veterinaria.

The contents of this page were updated on 11.02.2012.