Skip to main content

A USC suma o seu catálogo dixital á plataforma editorial galega MeuBook

Detalle do espazo e-book do Servizo de Publicacións da USC
Detalle do espazo e-book do Servizo de Publicacións da USC

O catálogo de e-books da USC xa está dispoñible na plataforma de distribución dixital galega MeuBook, na que conflúen diferentes aspectos das redes sociais e do almacenamento bibliográfico para afrontar e coordinar a demanda editorial nun proceso de produción racional e dirixido aos lectores. O Servizo de Publicacións da USC integrouse en MeuBook en 2010 coa sinatura dun contrato de distribución comercial de e-books baixo demanda. A plataforma integra todo o circuíto editorial, dende os escritores, editores ou distribuidores ata os lectores, cun servizo especial para cada un deles. Ademais, unha das particularidades de MeuBook é a utilización das redes sociais para poñer en contacto a todos os elos que compoñen a cadea de valor do proceso editorial. Ao ritmo do dixital Nos últimos anos, a USC ten demostrado unha especial sensibilidade coa vertente dixital da produción editorial. De feito, a exploración das distintas posibilidades que ofrece a edición no contorno dixital supón un fito para a USC xa que son moi contadas en España as institucións educativas que están a aproveitar o potencial das novas tecnoloxías neste sector. Unha das máis recentes alternativas nesta liña de traballo foi a inauguración no mes de abril do propio espazo e-book da USC, a libraría dixital da institución académica compostelá. Trátase dunha parte fundamental do proxecto dixital do Servizo de Publicacións universitario que arrancou en 2008 coa incorporación de boa parte do seu fondo a Google Book Research. Este espazo inaugurouse con medio centenar de novidades dos anos 2009, 2010 e 2011 en formatos pdf e epub, descargables para monitores, e-readers e móbiles e co denominado DRM Social. A incorporación a MeuBook, é un banzo máis neste proceso de desenvolvemento dixital que a institución está a acometer nos últimos tempos. De feito, a finais de ano o Servizo de Publicacións tamén colocou o seu catálogo na plataforma Todoebook.com, xestionada pola empresa líder no mercado editorial dixital Publidisa. Ademais, a USC tamén está presente na plataforma conxunta para a venda de e-books das universidades, auspiciada pola Unión de Editoriales Universitarias españolas, ou colabora con Googlebooks.

En conxunto, a Universidade de Santiago mantén na actualidade posicións de vangarda no terreo da edición dixital coa incorporación das novas potencialidades tecnolóxicas ao seu servizo editorial.

The contents of this page were updated on 06.28.2011.