Skip to main content

O profesor Walter Haug, premio Leibniz da República Federal de Alemaña, lega a súa biblioteca á USC

Preto de 8.000 volumes científicos sobre épica, novela, narrativa breve, mística e orientalismo pasarán a formar parte dos fondos da Universidade de Santiago grazas ao legado póstumo do profesor Walter Haug, catedrático de literatura alemá medieval da Universidade de Tübingen e premio Leibniz da República Federal de Alemaña.
O acto simbólico de recepción da biblioteca do profesor Walter Haug, ás 12:00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, estará presidido polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e nel intervirán tamén o profesor Víctor Millet e o fillo do catedrático alemán, Andreas Haug.
Walter Haug mantivo especial relación coa USC a través do profesor Victor Millet, especialista en literatura medieval alemá e discípulo seu en Tübingen. Dende a chegada de Victor Millet á USC, Haug visitou a institución compostelá en tres ocasións, sempre para dar apoio ás iniciativas que avogaban por instaurar os estudos da literatura alemá premoderna como rama científica.

The contents of this page were updated on 10.30.2008.