Skip to main content

Favorecer a participación das persoas con diversidade funcional no ensino superior, tema central dun dos cursos de verán da USC

CURSOS DE VERÁN DA USC 2008

Favorecer o coñecemento e a participación das persoas con diversidade funcional no ensino superior é o obxectivo do curso de verán ‘Universidade e discapacidade: descubrindo capacidades e xerando futuro’ que a USC vai celebrar entre os días 8 e 11 na Facultade de Ciencias da Comunicación.
Os participantes neste encontro traballarán no desenvolvemento de actitudes axeitadas que faciliten a inclusión e na adquisición das habilidades básicas para a actuación para, deste xeito, desterrar estereotipos sobres as capacidades e demandas das persoas con necesidades especiais.
Ademais, o curso permitirá propoñer un espazo de reflexión e análise sobre as implicacións que a promulgación do Real Decreto 1393/2007, de 29 de outubro,de ordenación das ensinanzas universitarias oficiais supón de cara ás necesidades de adaptacións curriculares, deseño de itinerarios formativos ou estudos alternativos para a inclusión de estudantes con necesidades específicas derivadas dunha discapacidade.
En definitiva, trátase de reflectir a responsabilidade social que ten a Universidade nos procesos de sensibilización e dinamización relativos á discapacidade e de reforzar a comunicación e a cooperación con todos os axentes vinculados a este ámbito.

Xunto ás conferencias de expertos universitarios e representantes de entidades especializadas neste ámbito de intervención social, o programa inclúe diversos talleres nos que se afondará no desenvolvemento de normas de actuación específicas para persoas con discapacidade motriz, visual ou auditiva.

The contents of this page were updated on 06.24.2008.