Skip to main content

As segundas Leccións Xacobeas exporán na USC as últimas achegas científicas ao redor do Camiño de Santiago

Un total de quince conferencias impartidas por investigadores de universidades, centros e institutos de investigación nacionais e internacionais exporán as últimas achegas científicas existentes ao redor do Camiño de Santiago. Será no transcurso das segundas ‘Leccións Xacobeas: Tras o legado do Apóstolo Santiago’, coas que se pretende promocionar a investigación e o coñecemento da peregrinación a Santiago entre o alumnado da USC e os cidadáns composteláns.
Estas Leccións, promovidas pola USC, o Xacobeo, a Dirección Xeral de Turismo e o Cabildo da Catedral de Santiago, celebraranse do 15 ao 18 de outubro no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) e contan co recoñecemento dun crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC.
A primeira xornada, o día 15 de outubro, estará dedicada ao Camiño, a liturxia e á historia da peregrinación, coas intervencións de José María Díaz, deán da Catedral de Santiago e dos catedráticos da USC Ofelia Rey Castelao e Ramón Villares Paz. Ao día seguinte abordaranse as novas liñas de investigación sobre a temática xacobea, como as peregrinacións na Idade Moderna, a publicidade sobre o Camiño de Santiago, a invención da arquitectura xacobea e a presenza de Santiago na cidade de Roma, a cargo dos profesores Domingo González Lopo, Federico López Silvestre, Alfredo Vigo Trasancos e Rosa Vázquez Santos.
As leccións do 17 correrán a cargo de destacados investigadores e expertos estranxeiros. Concretamente o historiador Klaus Herbers tratará sobre relatos escritos por camiñantes e os arquitectos Bern Nicolai e Klaus Rheidt analizarán o Pórtico da Gloria e a portada occidental da Catedral de Santiago. O profesor italiano Benedetto Vetere, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Lecce, disertará sobre a peregrinación en Europa e o Mediterráneo e Vincenzo Pacelli, catedrático de Historia da Arte da Universidade Federico II de Nápoles explicará La iglesia de San Giacomo degli Spagnoli en Nápoles.A xornada final dedicarase á actualidade do Camiño, protección, asociacionismo e novos proxectos coa participación de Antonio Roma Valdés, fiscal especialista en Patrimonio Histórico; Felipe Arias Vilas, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; José Antonio de la Riera, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago; e Ignacio Rodríguez Eguíbar, director xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. Alternando coas conferencias, están previstas visitas guiadas ao Museo, Arquivo e cubertas da Catedral.

The contents of this page were updated on 10.10.2008.