Skip to main content

O gando e o monte, unha relación proveitosa

Gando cabalar e vacún, nunha paraxe de Asturias
Gando cabalar e vacún, nunha paraxe de Asturias
O enxeñeiro Carlos López trata na tese presentada no Campus de Lugo da USC o comportamento dos grandes herbívoros e o seu impacto na vexetación en áreas desfavorecidas da cornixa cantábrica en aras a acadar sistemas sustentables
Lugo

A presenza de gando vacún e cabalar nas áreas de montes da cornixa cantábrica abundantes en breixos e toxeiras resulta positiva para a sustentabilidade destas superficies, xa que o gando reduce e controla a materia leñosa dos breixos e dos toxos, ao tempo que contribúe á diversión de vexetación coa aparición de novas especies florais e vexetais. Estas ideas figuran entre as conclusións da tese de doutoramento que vén de presentar Carlos López López na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo baixo o título ‘Comportamento e sustentabilidade do gando equino e vacún manexado en zonas de breixo e toxeiras do Cantábrico’.

A investigación de doutoramento, dirixida por Koldo Osoro e Rafael Celaya, e na que Carlos López contou coa titoría da catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría da USC Rosa Mosquera Losada, trata de estudar as respostas produtivas e o comportamento alimentario do gando cabalar e vacún en superficies de breixo-toxeira e o seu impacto na vexetación, a fin de establecer pautas de manexo acaídas para o desenvolvemento de sistemas sostibles destes grandes herbívoros nestas áreas desfavorecidas.

A avaliación da combinación de diversos biomarcadores moleculares (alcanos, ácidos graxos e alcoholes de cadea longa) presentes na cera epicuticular das plantas para estimar a composición da dieta, a inxestión e súa dixestión son outros dos cometidos que persigue esta investigación de doutoramento elaborada a partir dos resultados obtidos en tres experimentos desenvolvidos na finca do Servicio Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias (Serida) ‘Monte Carbayal’, localizada na Serra de San Isidro (Illano, Asturias), ao abeiro de dous proxectos de investigación que recibiron financiamento do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

A avaliación da selección da dieta do gando cabalar centrou o primeiro dos experimentos nos que se estrutura a investigación de doutoramento de Carlos López, quen estudou as respostas produtivas e o estado parasitario do gando cabalar, ademais da dinámica vexetal das áreas de matogueira, breixos e toxo nas que pastaban. Outra das experiencias desenvolvidas compara o comportamento de gando cabalar e vacún en distintas situacións de vexetación e tralas que se constata que as eguas pastan máis tempo que as vacas. Nunha terceira fase, este investigador avaliou o uso de alcoholes de cadea longa, mesturados con alcanos e ácidos graxos como marcadores  fecais para estimar a composición e a dixestión da dieta e a inxestión en equinos e vacún alimentados con forraxes procedentes de matogueiras e prados.

Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Carlos López López na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC estivo presidido pola profesora da área de Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade do País Vasco Arantxa Aldezabal. A docente da Facultade de Medicina Veterinaria da Universidade de Lisboa María Joâo de Sousa Ferreira Martelo Fradinho e o catedrático da USC Antonio Rigueiro, que actuou como secretario, completaron un tribunal que outorgou a máxima cualificación académica a tese desenvolvida por este investigador da EPS de Enxeñaría de Lugo.

Carlos López, na defensa da súa tese de doutoramento na EPS de Enxeñaría de Lugo
Carlos López, na defensa da súa tese de doutoramento na EPS de Enxeñaría de Lugo
The contents of this page were updated on 12.17.2019.