O gando e o monte, unha relación proveitosa
A presenza de gando vacún e cabalar nas áreas de montes da cornixa cantábrica abundantes en breixos e toxeiras resulta positiva para a sustentabilidade destas superficies, xa que o gando reduce e controla a materia leñosa dos breixos e dos toxos, ao tempo que contribúe á diversión de vexetación coa aparición de novas especies florais e vexetais. Estas ideas figuran entre as conclusións da tese de doutoramento que vén de presentar Carlos López López na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo baixo o título ‘Comportamento e sustentabilidade do gando equino e vacún manexado en zonas de breixo e toxeiras do Cantábrico’.
A investigación de doutoramento, dirixida por Koldo Osoro e Rafael Celaya, e na que Carlos López contou coa titoría da catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría da USC Rosa Mosquera Losada, trata de estudar as respostas produtivas e o comportamento alimentario do gando cabalar e vacún en superficies de breixo-toxeira e o seu impacto na vexetación, a fin de establecer pautas de manexo acaídas para o desenvolvemento de sistemas sostibles destes grandes herbívoros nestas áreas desfavorecidas.
A avaliación da combinación de diversos biomarcadores moleculares (alcanos, ácidos graxos e alcoholes de cadea longa) presentes na cera epicuticular das plantas para estimar a composición da dieta, a inxestión e súa dixestión son outros dos cometidos que persigue esta investigación de doutoramento elaborada a partir dos resultados obtidos en tres experimentos desenvolvidos na finca do Servicio Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias (Serida) ‘Monte Carbayal’, localizada na Serra de San Isidro (Illano, Asturias), ao abeiro de dous proxectos de investigación que recibiron financiamento do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
A avaliación da selección da dieta do gando cabalar centrou o primeiro dos experimentos nos que se estrutura a investigación de doutoramento de Carlos López, quen estudou as respostas produtivas e o estado parasitario do gando cabalar, ademais da dinámica vexetal das áreas de matogueira, breixos e toxo nas que pastaban. Outra das experiencias desenvolvidas compara o comportamento de gando cabalar e vacún en distintas situacións de vexetación e tralas que se constata que as eguas pastan máis tempo que as vacas. Nunha terceira fase, este investigador avaliou o uso de alcoholes de cadea longa, mesturados con alcanos e ácidos graxos como marcadores fecais para estimar a composición e a dixestión da dieta e a inxestión en equinos e vacún alimentados con forraxes procedentes de matogueiras e prados.
Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Carlos López López na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC estivo presidido pola profesora da área de Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade do País Vasco Arantxa Aldezabal. A docente da Facultade de Medicina Veterinaria da Universidade de Lisboa María Joâo de Sousa Ferreira Martelo Fradinho e o catedrático da USC Antonio Rigueiro, que actuou como secretario, completaron un tribunal que outorgou a máxima cualificación académica a tese desenvolvida por este investigador da EPS de Enxeñaría de Lugo.