Skip to main content

Contramapas do Camiño, Memorias do Habitar

Obradoiro do proxecto celebrado en Touro
Obradoiro do proxecto celebrado en Touro
Este proxecto parte de xuntanzas coa veciñanza da contorna de Compostela para recuperar a memoria do lugar e logo transmitila mediante obradoiros ligados á Educación Artística en centros educativos
Santiago de Compostela

O grupo de investigación Liter 21 da USC acaba de rematar  a primeira fase do proxecto ‘Contramapas do Camiño, Memorias do Habitar’, unha proposta de acción para a recuperación e posta en valor do patrimonio natural, material e inmaterial ligado aos territorios rurais da contorna de Santiago de Compostela polos que discorren os diferentes Camiños que conforman a Rede Xacobea.

Este proxecto, que forma parte do programa ‘O teu Xacobeo’, impulsado pola Xunta de Galicia, formúlase dende o eido da Educación Artística facendo da comunidade e da veciñanza o principal axente activo, e abrindo paso ao desenvolvemento de diversas propostas interxeracionais que ligan memoria, espazos e identidade colectiva. Trátase de recuperar, a través de obxectos, fotografías e, sobre todo, narrativas persoais, a memoria do lugar a través de xuntanzas coa veciñanza para logo transmitir todo ese coñecemento ás novas xeracións mediante obradoiros ligados á Educación Artística e realizados nos centros educativos da contorna.

Nesta primeira fase que comezou en outubro e estendeuse ata este mes de decembro, traballouse en colaboración directa co persoal de diferentes concellos e asociacións culturais como A Mámoa e A Rula de Teo, Centros Socioculturais de Lavacolla e  Enfesta de Santiago, Augapesada de Ames, Fonte Díaz de Touro e Luou de Teo, alumnado dos CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Arquitecto Casas Novoa, CEIP Barouta e colectivos do Local Cultural Touro e Local Social A Mámoa. A información recollida a través de xuntanzas e diferentes propostas de actividades foi transferida aos máis novos mediante obradoiros e roteiros realizados por Estella Freire e Candela Rajal, integrantes do grupo Liter 21, co apoio dos centros educativos e culturais da contorna.

A partir destas experiencias, o grupo Liter 21 segue a traballar na elaboración dunha ‘Cartografía da Memoria Veciñal’ que recolle as achegas e narrativas dos diferentes colectivos implicados. Esta información configurada en diferentes paneis  informativos públicos  permitirá difundir  e poñer en valor o patrimonio cotiá  e a herdanza do lugar a través dos que o habitan.
 

The contents of this page were updated on 12.20.2019.