Contramapas do Camiño, Memorias do Habitar
O grupo de investigación Liter 21 da USC acaba de rematar a primeira fase do proxecto ‘Contramapas do Camiño, Memorias do Habitar’, unha proposta de acción para a recuperación e posta en valor do patrimonio natural, material e inmaterial ligado aos territorios rurais da contorna de Santiago de Compostela polos que discorren os diferentes Camiños que conforman a Rede Xacobea.
Este proxecto, que forma parte do programa ‘O teu Xacobeo’, impulsado pola Xunta de Galicia, formúlase dende o eido da Educación Artística facendo da comunidade e da veciñanza o principal axente activo, e abrindo paso ao desenvolvemento de diversas propostas interxeracionais que ligan memoria, espazos e identidade colectiva. Trátase de recuperar, a través de obxectos, fotografías e, sobre todo, narrativas persoais, a memoria do lugar a través de xuntanzas coa veciñanza para logo transmitir todo ese coñecemento ás novas xeracións mediante obradoiros ligados á Educación Artística e realizados nos centros educativos da contorna.
Nesta primeira fase que comezou en outubro e estendeuse ata este mes de decembro, traballouse en colaboración directa co persoal de diferentes concellos e asociacións culturais como A Mámoa e A Rula de Teo, Centros Socioculturais de Lavacolla e Enfesta de Santiago, Augapesada de Ames, Fonte Díaz de Touro e Luou de Teo, alumnado dos CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Arquitecto Casas Novoa, CEIP Barouta e colectivos do Local Cultural Touro e Local Social A Mámoa. A información recollida a través de xuntanzas e diferentes propostas de actividades foi transferida aos máis novos mediante obradoiros e roteiros realizados por Estella Freire e Candela Rajal, integrantes do grupo Liter 21, co apoio dos centros educativos e culturais da contorna.
A partir destas experiencias, o grupo Liter 21 segue a traballar na elaboración dunha ‘Cartografía da Memoria Veciñal’ que recolle as achegas e narrativas dos diferentes colectivos implicados. Esta información configurada en diferentes paneis informativos públicos permitirá difundir e poñer en valor o patrimonio cotiá e a herdanza do lugar a través dos que o habitan.