Skip to main content

Educar a través da cooperación e do servizo

Alumnado da USC realizando un traballo en equipo. FOTO: Santi Alvite
Alumnado da USC realizando un traballo en equipo. FOTO: Santi Alvite
Alexandre Sotelino acaba de ser elixido como un dos dez mellores docentes universitarios de España
Santiago de Compostela

Por segundo ano Alexandre Sotelino acaba de ser situado entre os dez mellores docentes universitarios de España no marco dos Premios Educa Abanca. O profesor da Facultade de Ciencias da Educación e investigador do grupo Esculca imparte as materias ‘Teoría e Historia da Educación Escolar’, así como ‘Pedagoxía intercultural’, eidos nos que desenvolve estratexias pedagóxicas innovadoras. 

A ‘aprendizaxe servizo’ constitúe unha das vías exploradas por este profesor. “Intentamos que o alumnado execute un servizo á comunidade  vinculado á materia”, sinala. O proxecto PEINAS (PEdagoxía INtercultural e Aprendizaxe-Servizo) é un claro exemplo deste tipo de estratexias no que os mozos e mozas aprenden mentres prestan servizos á comunidade. Seguindo esta metodoloxía, lógrase vincular as funcións educativa e social da Universidade a través da combinación nun só proxecto, de aprendizaxe e servizo para buscar unha mellora da contorna e un enriquecemento persoal. Neste senso, o alumnado pode poñer en valor os coñecementos adquiridos na materia prestando servizos ás diferentes entidades participantes vinculadas coa atención á diversidade. 
 

Alexandre Sotelino
Alexandre Sotelino

Sotelino desenvolve nas súas aulas outras estratexias como a denominada ‘aprendizaxe colaborativa’ na que o alumnado debe realizar traballos en equipo. “Non é o mesmo realizar un traballo en grupo que un traballo en equipo. Nos traballos grupais, cada alumno realiza a súa parte e o resultado final é a suma de cada unha delas. Porén, nos traballos en equipo todos teñen que saber do traballo de todos”. A utilización de tecnoloxías da información e a comunicación nas aulas como a creación dun blog é tan só outro dos exemplos empregados polo docente da USC. 

Criterios do certame
Para elaborar esta listaxe integrada por dez finalistas, a organización realiza unha primeira selección en función das propostas recibidas, a través dun formulario web, por parte do alumnado para cada docente, designando a continuación a un comité de expertos que realiza unha valoración de méritos. Entre os criterios que se toman en consideración destacan a realización de actividades innovadoras na aula; a presenza do docente en redes sociais e plataformas; a valoración da web ou blog propio do docente; a participación en accións formativas de reciclaxe de coñecementos; a súa presenza en medios de comunicación; a publicación de libros e artigos en revistas; a participación en actividades solidarias de carácter educativo; ou a organización de xornadas de formación, entre outros aspectos. 

A cerimonia de entrega dos ‘Premios Educa Abanca. Mellor Docente de España 2019’ terá lugar o sábado 29 de febreiro, ás 20.00 horas, no Auditorio de Abanca en Santiago de Compostela.
 

The contents of this page were updated on 01.15.2020.